Outra patada á Educación
Sabiamos que a actitude da Xunta de Galiza en materia de Educación deixaba moito que desexar. Así o ten demostrado en numerosas ocasións con diversas decisións e actuacións que para nada favorecen nin ao profesorado, nin ao estudantado, nin ás familias destes últimos. E cando parecía que xa non se lle podían dar máis patadas ao sistema educativo e aos servizos que este conleva, a Consellaría de Educación, nun arranque de temeridade e irresponsabilidade, toma unilateralmente a decisión de convocar un Concurso de Traslado, que afecta a 8.000 docentes, aproximadamente 2.000 lucenses.
Unha decisión pola que o goberno de Feijoo modificou o baremo empregado no concurso de traslado de xeito unilateral, pasando a computar de igual maneira o tempo de interinidade que o de funcionario de carreira.
Chegouse así a unha normativa que xerou controversia desde o primeiro momento, a pesar de que a Administración aseguraba que estaba perfectamente fundamentada a nivel xurídico no relativo á modificación do baremo, chegando a manifestar que a súa proposta era a única posíbel desde o punto de vista legal.
Unha decisión irresponsábel que se pagará coa incertidume de centos de profesoras e profesores que tiñan un novo destino a partir do 1 de setembro e que quedan agora á expectativa de cal será o centro educativo no que impartirán clase o vindeiro curso xa que, ante a gravidade do asunto, a sentenza ditada polo Tribunal nº 2 de Compostela non se fixo esperar, e pola mesma a Consellaría verase obrigada a anular parcialmente a convocatoria dese trastocado Concurso de Traslados.
E aquí voltamos a esa incertidume que mencionaba antes, a incertidume dun sector que está a ser machacado continuamente polo bo facer do señor Xesús Vázquez, ben sexa a expensas do Ministro Wert ou de forma independente, e grazas ao que máis de 1.600 asinantes que xa tiñan fixado un centro de ensinanza para o vindeiro curso e que incluso xa se tiñan dirixido aos seus novos centros e e xa recibiran a dilixencia de toma de posesión, están de novo, a día de hoxe, descoñecedores do seu destino.
Unha incertidume que hai que sumar ás múltiples que os membros dos equipos directivos dos centros galegos teñen anualmente á hora de comezar os distintos cursos académicos de cara a organización escolar xa que non saben ata o último momento o grupo de profesorado do que dispoñen. Incertezas que a aplicación da LOMCE aumentará nos vindeiros cursos, mostra da irresponsabilidade da administración educativa.