A desfachatez do PP co noso patrimonio

A desfachatez do PP co noso patrimonio

rIMG_8534Chama bastante a atención, que un partido político coma o PP, que en máis dunha ocasión se ten declarado defensor da cultura e do patrimonio galego, acuse agora á Deputación de Lugo, que vén de recuperar a colección de ouvería prerromana que forma parte do legado de Álvaro Gil, dunha mala xestión do noso patrimonio, máis aínda cando o propio Grupo Provincial do Partido Popular deu as costas á provincia de Lugo e a súa xente no momento máis importante das negociacións, poñéndose do lado de fóra e saíndo aos medios de comunicación con mentiras sobre esas negociacións que, finalmente, e grazas á xestión última da Deputación, levaron á definitiva recuperación de tan prezado patrimonio para as e os lucenses.

Esas acusacións do Partido Popular respecto á xestión da institución provincial vense reflectidas, por exemplo, en declaracións vertidas polos populares na sesión plenaria do pasado xaneiro na que se referían ás negociacións coa familia Gil coma un "desastre sen paliativos", parafraseando ao Rei e a un xornalista local, o que amosa, máis a día de hoxe, unha actitude indesexable e que se suma á falla de interese demostrada nas Xuntas de Voceiros celebradas nos últimos meses respecto a este tema, na que a portavoz provincial do PP non fixo ningún tipo de aportación ao respecto.

A política que estamos a desenvolver dende a área de Cultura da Deputación de Lugo, baseada en poñer a cultura ao alcance de toda a cidadanía, reforzar a Rede Museística Provincial, protexer e promover o patrimonio cultural lucense, fomentar a cultura galega en todas as súas manifestacións así como apoiar o tecido cultural, contrasta de lonxe coa postura que vén adoptando o Partido Popular, cando menos, a nivel provincial, xa que tamén hai que lembrar que en xaneiro do presente ano, os seus representantes rexeitaron unha moción presentada polo goberno provincial para demandar a titularidade pública e disposición universal do patrimonio artístico das caixas de aforro galegas.

Estamos a falar dun patrimonio froito do traballo e dos esforzo de miles de galegas e galegos que depositaron os seus aforros nas caixas galegas, e que foron capaces de acumularen unha colección de obra plástica e de inmóbeis que representan gran parte da nosa creación artístico-cultural dende finais do século XIX até os nosos días. Un patrimonio que amosa o alto nivel que o pobo galego acadou na expresión artística, e conforma a nosa historia e a nosa identidade colectiva.

En definitiva, o Partido Popular non só non apoia a nosa cultura e o noso patrimonio material e inmaterial e non avoga pola súa recuperación e a súa posta en valor dende as institucións públicas que dirixe, como é o caso da Xunta de Galiza, senón que non sabe máis que poñer trabas ás institucións ou organizacións políticas, como é o caso do Bloque Nacionalista Galego, que si traballa na súa promoción e en poñelo a disposición dos seus lexítimos propietarios: a veciñanza.

 

Artigo de opinión sobre o papel do PP respecto o patrimonio galego

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

 

A desfachatez do PP co noso patrimonio