O CANDIDATO DO BNG SINALOU “NÓS IMOS TRABALLAR COAS PERSOAS QUE SE ADICAN Á CULTURA, A NOSA PRIORIDADE NON É CONSTRUÍR EDIFICIOS”
“Abrir espazos para a cultura e promover aos artistas locais será un dos obxectivos en materia cultural” anunciou Rubén Arroxo
Arroxo anunciou a creación dunha Escola Municipal de Teatro e comprometouse a avanzar na expansión e consolidación da Escola Municipal de Música
Lugo, 22 de maio 2019. Rubén Arroxo, candidato á alcaldía do BNG por Lugo, presentou algunhas das propostas culturais do programa de goberno co que concorre ás eleccións do vindeiro 26 de maio. Arroxo estivo acompañado dun grupo de artistas que desenvolven a súa actividade no eido musical e sinalou “nós imos traballar coas persoas que se adican á cultura, a nosa prioridade non é construír edificios”. O candidato do BNG anunciou a creación dunha Escola Municipal de Teatro e comprometeuse a avanzar na expansión e consolidación da Escola Municipal de Música.
Outras das propostas do BNG é a de crear ciclos culturais “tanto na rúa como en espazos e locais da cidade para incrementar a oferta cultural, ofrecer un atractivo turístico e dar a artistas locais a oportunidade de presentar os seus proxectos”. “Abrir espazos para a cultura e promover aos artistas locais será un dos obxectivos en materia cultural” anunciou Rubén Arroxo que lembrou o traballo feito polo BNG, tanto na Deputación como no Concello “cando o BNG tivo responsabilidades de goberno con compañeiros como Ignacio R. Eguibar, Antón Bao, Mario Outeiro ou Xosé Ferreiro”.
Arroxo afirmou “o Concello de Lugo será catalizador e aliado de todas esas propostas culturais e artísticas que nacen en Lugo e que moitas veces teñen dificultades para saír adiante por falta de colaboración institucional” e engadiu “temos o compromiso de crear e manter unha axenda cultural que permita a coordinación, difusión e promoción de todos os eventos culturais da cidade, tanto dos que promovan as institucións como aquelas iniciativas que queiran colaborar”. O candidato do BNG manifestouse favorable “a recibir todas as propostas que nos queiran achegar, para facer do concello e do departamento de cultura un lugar onde o tecido cultural atope axuda e non obstáculos”.