Alexandre Penas: “eliminar o carril bus da rúa Montevideo suporía aumentar o número de vehículos a motor dentro da muralla”
O edil de Infraestruturas respostou á proposta do Partido Popular, e afirmou que “tratamos de evitar que por esta zona haxa tráfico itinerante, que da voltas buscando un aparcamento inexistente”
Penas afirmou que “desde o Goberno de Lugo apostamos pola peonalización do centro da cidade, aumentando os espazos destinados ao desfrute da veciñanza”
Lugo, 16 de novembro de 2021. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, respostou á proposta do Partido Popular respecto ao carril bus da rúa Montevideo. Penas explicou que “desde o goberno de Lugo traballamos para reducir o número de vehículos a motor que circulan polo interior do recinto amurallado, e estamos a facer un importante esforzo en aumentar os espazos peonís destinados ao desfrute da veciñanza”.
O edil de Infraestruturas afirmou que “eliminar o carril bus da rúa Montevideo suporía aumentar o tráfico itinerante na zona e dificultar que a veciñanza chegue en bus ao centro da cidade”. Alexandre Penas destacou que “desde o goberno de Lugo queremos eliminar este tipo de tráfico na contorna do centro da cidade”.
“Trátase de vehículos que circulan dando voltas buscando un aparcamento inexistente na maior parte dos casos”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “os distintos servizos de reparto teñen o acceso garantido ás zonas de carga e descarga do centro, que foron reformadas nos últimos meses para garantir mellores horarios de acceso para os profesionais e menos vehículos nas horas de maior afluencia peonil”.
2 anexos