Alexandre Penas e Felipe Rivas visitan o colexio do Sagrado Corazón con persoal técnico do Concello
Felipe Rivas: “os servizos técnicos municipais están a traballar nun informe para avaliar o estado das instalacións e valorar a recepción”
“A Xunta ten que facerse cargo das súas competencias e liberar aos concellos dos esforzos económicos e administrativos relacionados coa educación”, afirmou Felipe Rivas
Lugo, 05 de decembro de 2021. Alexandre Penas e Felipe Rivas, edís responsábeis das concellerías de Infraestruturas Urbanas e Educación, realizaron unha visita xunto con persoal técnico municipal ao colexio do Sagrado Corazón. Felipe Rivas explicou que “desde o Concello encargámonos do mantemento dos distintos colexios da cidade, e con esta visita os distintos servizo do concello continúan o traballo que levan desenvolvendo desde o comezo do curso”.
O edil de Educación explicou que “no caso de detectárense deficiencias, o Concello pedirá a educación que se amañen para poder continuar co procedemento de recepción das instalacións, o que nos permitirá prestar os distintos servizos cando sexa necesario”.
Felipe Rivas lembrou que “a Xunta de Galiza ten as competencias en educación e debería encargarse de todas as cuestións relacionadas”. Segundo o edil de Educación, “os servizos que os concellos prestamos aos colexios supoñen un gran esforzo ano tras ano, tanto económico como administrativo”. Rivas afirmou que “seguiremos traballando para que a Xunta se faga cargo das súas competencias”.