Alexandre Penas reúnese co presidente de Facua Galicia, Vítctor Muñoz
O edil de Infraestruturas e o presidente da asociación de consumidores e consumidoras coincidiron en que Lugo e Galiza precisan dunha rede de cercanías ferroviarias
Penas: “recollemos as propostas que nos trasladaron desde Facua para mellorar a mobilidade e o estado da cidade”
Lugo, 04 de decembro de 2021. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantivo unha xuntanza con Víctor Muñoz, presidente da asociación de consumidores e consumidoras FACUA Galicia. Penas explicou que “nesta xuntanza recollemos as propostas que nos trasladaron desde Facua para continuar a mellorar a mobilidade e o estado das distintas infraestruturas na cidade”. Alexandre Penas afirmou que “trataremos de dar a mellor solución ás reclamacións deste colectivo, do mesmo xeito que traballamos por mellorar a cidade atendendo todas as reclamacións e solicitudes que nos fan chegar as veciñas e veciños de Lugo por distintas vías”.
O edil de Infraestruturas e o presidente de FACUA coincidiron en que é precisa a mellora das infraestruturas en materia ferroviaria coas que conta a cidade de Lugo .”Coincidimos en que o tren é o medio de transporte do futuro, e Lugo está a quedar fóra do mapa ao contarmos con infraestruturas anticuadas e malas conexións, ademais de perdermos un gran número de servizos nos últimos anos”, declarou Alexandre Penas.
A conexión directa con Santiago de Compostela ou a creación dunha rede galega de cercanías ferroviarias son dúas cuestións que tanto o edil Alexandre Penas como Víctor Muñoz calificaron como “importantes” para o futuro da cidade de Lugo. Alexandre Penas destacou o compromiso do Goberno de Lugo “para colaborar co goberno do Estado e da Xunta de cara a mellorar a situación de Lugo en materia ferroviaria, e rematar coa discriminación á que se está a someter á cidade”.