A área de Cultura estuda a impulsar unha escola de canto municipal
Maite Ferreiro: “estudamos unha proposta que pode encadrarse dentro da Escola Municipal de Música, onde xa se imparten aulas de música coral”
O persoal da área de Cultura estuda as distintas posibilidades para levar a cabo este proxecto, que emana do tecido cultural local
Lugo, 27 de abril de 2021. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou que o persoal técnico municipal da área está a estudar a posibilidade de impulsar unha escola de canto municipal. Ferreiro explicou que “estudamos unha proposta que se pode encadrar dentro da oferta da Escola Municipal de Música, onde xa se están a impartir aulas de música coral”.
Maite Ferreiro destacou que “esta proposta permitirá ilusionar á xente nova para que se acheguen á música coral”, e afirmou que “este xénero ten unha gran presenza na vida cultural da cidade, e desde o Concello trataremos de integrar o estudo desta disciplina na oferta formativa xestionada polo Concello”.
A edil de Cultura explicou que “desde o Goberno de Lugo recollemos esta proposta, que parte do tecido cultural da cidade, e que suporá un paso adiante na oferta formativa municipal no eido da música”, e avanzou que “buscaremos a colaboración da Deputación de Lugo e da Xunta de Galiza para poñer en marcha este proxecto”.