A área de Participación e a concellería de Infraestruturas informan do inicio das actuacións correspondentes á ampliación do Cemiterio Municipal
Rubén Arroxo: “trátase dunha necesidade da que se leva falando moito tempo”
Construiranse un total de 407 nichos, 23 criptas e 140 columbarios, cunha inversión total de 307.784,34€
Lugo, 06 de xuño de 2020. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou do inicio da actuación proxectada pola área de Participación e Servizos para a Veciñanza e a concellería de Infraestruturas Urbanas mediante a cal se levará a cabo a ampliación do cemiterio municipal. Rubén Arroxo, visitou xunto coa edil de Participación, Cristina López, o edil de Infraestruturas, Alexandre Penas e persoal técnico municipal os traballos de replanteo previos ao inicio das obras. Segundo informou Rubén Arroxo, “realizarase unha das fases xa proxectadas da ampliación, coa que se crearán 407 novos nichos, 23 criptas e 140 columbarios para incineracións”.
O Tenente de Alcalde afirmou que “se trata dunha actuación moi necesaria e da que se leva falando moito tempo”. Segundo Rubén Arroxo, “desde a área de Participación un dos obxectivos é mellorar o Cemiterio Municipal, un dos poucos de xestión totalmente pública de todo o estado. “Trátase da primeira ampliación do Cemiterio Municipal desde o Xardín dos Recordos, inaugurado no ano 2006” lembrou Rubén Arroxo.
Rubén Arroxo informou que esta ampliación incluirá un novo sistema de recollida de lixiviados, que contará con filtros de carbón activado e depósitos de sosa cáustica, que permitirán neutralizar os residuos orgánicos, que permitirán un maior control das emisións deste tipo de substancias á rede pluvial do Cemiterio. A actuación foi adxudicada por 307.784,34€ a IVANCA S.L, e terán un prazo de realización de 6 meses. Desde a área de Participación e Servizos á Veciñanza pídese precaución ao visitar o cemiterio debido debido ás molestias que poidan causar as obras. Segundo as ordenanzas actuais, a concesión de 25 anos por un nicho ten unha taxa anual de 82.25€, mentres que para as criptas ascende a 253.17 e os columbarios, 28.69. No caso de solicitarse un nicho de urxencia, a taxa ascende a 643,16€.
O actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu hai 72 ás antigas instalacións de Magoi. O Tenente de Alcalde destacou a “versatilidade” do deseño de Eloi Maquieira. Rubén Arroxo afirmou que “actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano fixeron que o o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos ou o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo”. Coa emerxencia sanitaria, debido a que as visitas están limitadas en tempo e aforo, pode ser as persoas que o desexen poden realizar unha visita virtual ás instalacións desde a web cemiterio.concellodelugo.gal.