A área de Participación retoma a campaña “O noso Mercado é un agasallo” na Praza de Abastos e no Mercado Municipal
Todas as persoas que realicen unha compra de máis de 40 euros na Praza de Abastos e Mercado durante os días de promoción recibirán agasallos promocionais
Cristina López “só na primeira mañá de promoción nos últimos anos, os postos da praza facturaron máis de 16.000€”
Lugo, 26 de novembro de 2022. A concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza, Cristina López, anunciou que o Goberno de Lugo retoma a campaña “O noso mercado é un agasallo” para incentivar o consumo na Praza de Abastos e o Mercado Municipal e destacar a importancia de consumir produtos de proximidade no comercio local, especialmente durante a campaña de Nadal.
Cristina López afirmou que “todas as persoas que realicen compras por valor de 40 euros ou máis nos distintos postos da praza recibirán un agasallo”, e lembrou que “só na primeira mañá desta campaña o ano pasado, os distintos postos da praza facturaron máis de 16.000€”. Este ano, a promoción terá lugar os días 26 de novembro, 3, 10, 17, 24 e 31 de decembro.
A área de Participación habilitará un posto durante os días de promoción no horario de apertura da Praza para que todas as persoas poidan achegarse cos tiques dos distintos postos da Praza e do Mercado e canxealos polos agasallos que se entreguen ese día, entre os que destacan varios deseños de bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida ou material promocional da Praza e do Mercado.