As áreas de Cultura do Concello e da USC avalían as actividades da Domus do Mitreo
Ambas institucións destacaron o apoio das veciñas e veciños ás actividades culturais nun ano no que a cultura se tivo que reinventar
A edil de Cultura destacou “a implicación do Campus de Lugo da USC coa actividade cultural"
Lugo, 28 de decembro de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto coa vicerreitora do campus da USC en Lugo, Montserrat Valcarcel, e integrantes da USC, asistiu esta mañá á xuntanza de coordinación do convenio da Domus do Mitreo, onde se avaliaron as actividades realizadas durante este ano. Maite Ferreiro valorou positivamente “o apoio das veciñas e veciños de Lugo a todas as actividades culturais nun ano no que se tivo que reinventar a maneira de dar acceso á cultura debido á crise sanitaria”.
Maite Ferreiro destacou “a implicación do campus de Lugo coa actividade cultural”, e destacou proxectos como o Lugo Cultural “que nos coordinar as actividades culturais que teñen lugar na cidade e favorecer tamén o achegamento da comunidade universitaria á cultura”.
“De cara ao 2021 continuaremos a ofrecer actividades culturais a todas as veciñas e veciños de Lugo para garantir que todas as persoas poidan acceder, de maneira segura, a un ben de primeira necesidade ao mesmo tempo que garantimos a continuidade dun sector do que viven centos de familias en Galiza”, sentenciou Maite Ferreiro