Arroxo: “o PP está a quedar só coa rolda Leste porque está liderado por unha persoa que non coñece Lugo”
O candidato do BNG afirmou que “a candidata do PP continúa a ser a Tenente Alcalde de Mondoñedo, é probable que nunca paseara polo Rato”
O Pleno Municipal aprobou hoxe unha proposición do BNG para que ”o goberno galego deseñe un itinerario alternativo para a Rolda Leste que non supoña a destrucción de zonas verdes”
Lugo, 23 de febreiro de 2023. O candidato do BNG, Rubén Arroxo, afirmou á entrada do Pleno que a posición do Partido Popular a respecto da Rolda Norte “débese a que a súa nova líder non coñece Lugo”. Arroxo afirmou que “a candidata do PP leva só tres meses vivindo en Lugo, o que compatibiliza coa tenencia de Alcaldía de Mondoñedo, é probable que nunca pasara polo Rato”, e engadiu “o resto dos integrantes do Grupo Municipal do PP non se poden poñer en contra da Rolda Leste porque a nova candidata xa prometeu máis de 20 postos de saída na lista, e ninguén quere quedar fora”.
Arroxo defendeu hoxe unha moción no Pleno Municipal reclamando á Xunta de Galiza un novo trazado para a Rolda Leste, que foi aprobada cos votos a favor dos grupos do PSOE e Ciudadanos, e co voto en contra do PP. A proposta do BNG reclama á Xunta de Galiza que revise o trazado da Rolda Leste para que o vial permita mellorar as comunicacións de Lugo sen destruír o parque do Rato, dando prioridade á protección do cinto verde de Lugo.
Arroxo lembrou a proposta realizada polo BNG ao goberno da Xunta de Galiza para utilizar os preto de 20 millóns orzamentados para a Rolda Leste na rehabilitación do barrio da Tinería. Arroxo afirmou que “desde a Xunta de Galiza teñen unha oportunidade de saldar unha débeda que o goberno do PP asumiu cando chegou ao poder no 2009”, e engadiu “trasladando o orzamento que gardan para a rolda Leste neste ano, o barrio da Tinería poderá avanzar e poñerse ao nivel que merece como zona histórica da cidade, e o goberno galego pode buscar un trazado alternativo para a Rolda Leste, que non implique destruír unha das zonas verdes máis importantes da cidade”.