Arroxo visita, xunto co presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa, a mellora da pavimentación da rúa das Fontes con Mar Cantábrico
Rubén Arroxo: “demos solución a unha solicitude que as veciñas e veciños da zona levaban realizando moito tempo”
A concellería de Infraestruturas está a realizar mantementos na zona norte da cidade
Lugo, 10 de marzo de 2021. Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, visitou xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas e Valentín Arias, presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa, os traballos de mantemento realizados na unión da Rúa das Fontes con Mar Cantábrico. Rubén Arroxo explicou que “demos solución a unha solicitude de mellora da cidade que as veciñas e veciños da zona requiriran durante moito tempo”.
A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas consistiu na demolición do pavimento existente, excepto onde se atopa en bo estado. Habilitouse unha nova beirarrúa con saíntes nas zonas dos pasos de peóns. Na calzada, colocouse un novo pavimento de formigón de 18 cm de espesor, que da continuidade ao xa colocado en Mar Cantábrico e na zona de estacionamento. Ademais, en todo o treito renovouse a sinalización horizontal.
A concellería de Infraestruturas realizou esta intervención, que foi licitada xunto con outras intervencións na zona norte da cidade por un total de 41.574,45€ na mellora de tres zonas da cidade que presentaban un avanzado estado de desgaste. Rubén Arroxo declarou que “os traballos deste conxunto de actuacións están a continuar na rua Mar Cantábrico, onde se vai aumentar o ancho do primeiro tramo de beirarrúa para salvar os obstáculos que produce un edificio”. Ademais, para mellorar a accesibilidade existente no treito, colocarase baldosa tipo punta de diamante debido á gran cota de elevación da vía.