Avanza a restauración da sepultura de Xoán Montes coa colocación da base para a lápida
Cristina López: "colocouse unha base de mármore, similar ás utilizadas nas sepulturas da época"
Un equipo especializado está a eliminar a suciedade da peza, mantendo as marcas de envellecemento
Lugo, 12 de marzo de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitou xunto coa edil de Participación, Cristina López, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o Cemiterio Municipal, onde nos pasados días se procedeu a colocar a base da sepultura de Xoán Montes, que se atopa actualmente en estado de restauración. Cristina López explicou que “a unidade de enterramento número 329 do Cemiterio Municipal, na que se atopan os restos de Xoán Montes, contará cunha nova base de mármore similar ás utilizadas nas sepulturas da época, co fin de dar recoñecemento a un dos músicos máis destacables da historia de Lugo”.
A sepultura está a pasar por un proceso de restauración e limpeza por parte dun equipo especializado, que eliminará a suciedade das pezas, mantendo as marcas de envellecemento propias da sepultura, e na vindeira semana comezarán os traballos no lugar da sepultura no Cemiterio Municipal. A edil de Participación lembrou que "para poder realizar este traballo, tivemos que iniciar un procedemento de declaración de ruina desta unidade de enterramento, e retornala á titularidade pública".
A edil de Participación destacou que "desde as distintas áreas da Tenencia de Alcaldía traballamos desde o inicio deste mandato en lembrar a figura de Xoán Montes, fundador da nosa Banda Municipal". Cristina López lembrou que no pasado ano realizouse tamén a restauración e o traslado do busto adicado ao compositor á praza Maior, en lembranza dos lugares da cidade onde desenvolveu gran parte da súa actividade musical.