O TENENTE ALCALDE, RUBÉN ARROXO, MANTIVO UN ENCONTRO COA PRESIDENTA DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DO BARRIO XUNTO CO MURALISTA RUBÉN PAZ "PARA AVALIAR OS ESPAZOS DO BARRIO E TER EN CONTA AS OPINIÓNS DA VECIÑANZA"
O barrio de Recatelo será o escenario dunha nova intervención artística que terá como protagonista a Rosalía de Castro
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, mantivo un encontro coa presidenta da Asociación de Veciños do barrio xunto co muralista Rubén Paz "para avaliar os espazos do barrio e ter en conta as opinións da veciñanza"
Arroxo destacou o traballo executado en Recatelo "coa humanización do barrio, que o converteu nun espazo de referencia para a cidade"
Lugo, 30 de agosto de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, visitou o barrio de Recatelo onde a Tenencia de Alcaldía planifica continuar a traballar na mellora dos espazos públicos coa elaboración dun novo mural. Arroxo estivo acompañado polo muralista Rubén Paz e por veciños e veciñas do barrio para "avaliar os espazos e ter en conta as opinións da veciñanza". O novo mural será realizado en colaboración coa área de Cultura da Deputación Provincial.
Arroxo destacou o traballo realizado nos últimos anos coa transformación do barrio de Recatelo nun espazo máis humano e sostible. "Non só transformando o pavimento, senon renovando tamén as infraestruturas soterradas, incluíndo as redes de abastecemento e saneamento, instalando novo alumeado LED de baixo consumo e habilitando novas zonas con vexetación, que achegan sombra e confort durante os meses máis calorosos".
"A renovación de Recatelo foi concibida desde o principio como un proceso dialogado, e así o mantivemos con múltiples xuntanzas, e canles abertas coa veciñanza", afirmou Rubén Arroxo, que destacou que "seguiremos a colaborar coa veciñanza e a atender as distintas peticións que nos fagan chegar".
O traballo realizado en Recatelo consolidou este barrio como unha zona de paso estratéxica e de lecer, que conecta o casco histórico co Parque de Rosalía de Castro, nun modelo que prioriza a mobilidade peonil e mellora a calidade de vida no corazón da cidade.