O BNG-AA lembra que aínda están sen substituír os audios dos semáforos nas rúas que mudaron de nome
Rubén Arroxo puxo como exemplo o semáforo situado na rúa de San Roque fronte á praza de Mártires de Carral que aínda utiliza o nome de Comandante Manso
Lugo, 3 de maio 2016. O BNG Asembleas Abertas trasladaralle ao goberno municipal unha petición para que se actualicen as gravacións dos audios que teñen os semáforos nas prazas e rúas nas que foron substituídos os nomes franquistas. Rubén Arroxo sinalou que as placas e nomes de rúas e prazas xa foron cambiadas e agora compre actualizar os audios que emiten os altavoces que axudan a que as persoas invidentes poidan cruzar con seguridade.
Rubén Arroxo puxo como exemplo o semáforo situado no paso de peóns que atravesa a rúa de San Roque fronte á praza de Mártires de Carral. Na gravación que emite este semáforo, cando está en verde para as persoas, aínda se escuita o nome de praza de Comandante Manso. Arroxo dixo que compre facer unha revisión de outros semáforos situados noutras prazas e rúas as que lles foi substituido o nome.
Grazas á iniciativa do BNG, na cidade de Lugo, cambiáronse os nomes das rúas que homenaxeaban a persoeiros da ditadura. Finalmente o pleno do concello de Lugo celebrado o 5 de maio de 2015 aprobou, cos votos en contra do PP, unha proposta para substitución destes nomes. Mudaron os seus nomes as rúas Cedrón del Valle por Isaac Díaz Pardo, a do Tenente Coronel Teijeiro por Lois Peña Novo e a glorieta Comandante Manso pasou a denominarse Mártires de Carral. Por outro lado, Irmáns Pedrosa foi denominada como Xaquin Lorenzo, a rúa General Tella foi rúa Avelino Pousa Antelo, e Ruíz de Alda pasou a ser Luis Cordeiro. Outro dos cambios é que a Avenida Carlos Azcárraga pasou a chamarse Avenida de Adolfo Suárez.