O BNG de Castroverde avoga pola municipalización do SAF ante a inestabilidade do servizo
O BNG esixe información ao goberno municipal sobre que medidas se están aplicar ante a problemática coa empresa adxudicataria e o futuro das traballadoras e traballadores
Iria Castro, portavoz municipal do BNG “no vindeiro pleno seguiremos insistindo que o SAF volva a ser público, vése que a privatización non é a fórmula para garantir un servizo público de calidade”
Castroverde, 23 de xuño de 2021.- O BNG en Castroverde solicita ao goberno municipal que aclare a situación do Servizo de Axuda no Fogar ante a súa inestabilidade e propón a municipalización deste servizo.
A empresa adxudicataria do SAF 'Asistencia Castroverde' comunicou ás traballadoras o impago de salarios e o peche da empresa, polo que queda nun baleiro neste momento tanto o servizo como o futuro laboral das traballadoras e traballadores. Hai que destacar que esta empresa xa tivo problemas recentemente sobre un suposto caso de explotación laboral cando xa estaba prestando o servizo ao Concello de Castroverde.
Neste senso, a portavoz municipal do BNG en Castroverde, Iria Castro, insta ao goberno municipal a que dispoña de información tanto ás traballadoras e traballadores como á oposición de cales son as medidas que está executando o gobeno municipal ante esta problemática, con énfase no futuro laboral das traballadoras e traballadores.
Iria Castro declarou “é inaceptábel a desatención por parte do goberno municipal coas traballadoras e traballadores do SAF, está deixando na máxima precariedade ás traballadoras e traballadores como o propio servizo do que dependen tantas persoas para poder conciliar e ter unha vellez digna”
Iria Castro fixo fincapé en que a única maneira de garantir a calidade e a estabilidade do servizo é municipalizar de novo o servizo “no vindeiro pleno seguiremos insistindo que o SAF volva a ser público, vése que a privatización non é a fórmula para garantir un servizo público de calidade”