O BNG de Castroverde propón unha regulación para a actividade extractiva madeireira
As nacionalistas resaltan que unha ordenanza para a corta e saca da madeira é unha vía para solucionar o problema na desfeita dos camiños públicos.
Iria Castro “concellos como A Pastoriza ou Lugo levaron adiante este tipo de regulación, estes con gobernos nos que participa o PSOE”
Castroverde, 5 de febreiro de 2020.- O bloque de Castroverde propuxo neste mandato a creación dunha Ordenanza Municipal de Corta e Saca de Madeira, a que xa está aprobada en concellos como A Pastoriza e recentemente en Lugo, a cal está sendo eficaz tanto ao sector como á veciñanza.
Iria Castro, voceira do BNG en Castroverde, resaltou “concellos como A Pastoriza ou Lugo levaron adiante este tipo de regulación, estes con gobernos nos que participa o PSOE. Cremos que esta ordenanza é unha solución aos problemas creados en numerosos accesos, pistas e estradas do noso Concello”.
Neste sentido a nacionalista recalcou, “esta ordenanza tamén se configura para que o sector madeireiro que traballa en Castroverde avance e mellore a súa actividade, sen ningún tipo de obstáculo”
Na actualidade, a rede viaria do Concello estase vendo afectada por mor da carencia dunha regulación axeitada para esta actividade, a que esta ocasionando desfeitas e incidentes, incluso, ataques graves contra o Patrimonio.
“Temos o grave exemplo do que sucedeu no lugar de Córneas, onde a saca de madeira destrozou o camiño e puxo en perigo un cruceiro, e o goberno municipal non fai nada para remedialo” subliñou Iria Castro.
Porén, a concelleira propón ao goberno municipal a que retome a implementación dunha ordenanza que regule este sector, como tamén, proporá no vindeiro pleno a posta en marcha dunha regulación das vías, camiños e estradas do Concello.