O BNG celebrou unha concentración en defensa da sanidade pública e a reactivación dos centros de saúde
Digna Lagarón ”a veciñanza de Castro de Rei demostrou que está farta dos recortes na atención primaria”
Nesta concentración participaron tamén as deputadas Olalla Rodil e Carme Aira
Castro de Rei, 18 de setembro de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego en Castro de Rei celebrou hoxe unha concentración diante do centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea co motivo da defensa da sanidade pública e a reactivación dos centros de saúde do concello. Na concentración participaron as deputadas do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil e Carme Aira.
A concelleira e voceira do BNG en Castro de Rei, Digna Lagarón, explicou que ”a veciñanza de Castro de Rei demostrou que está farta dos recortes na atención primaria” xa que este concello chairego está acarreando graves demoras na atención ás pacientes e falta de persoal sanitario “temos o centro de Castro de Rei pechado e sen novas de apertura, e o centro sanitario de Castro Ribeiras de Lea sen suficiente persoal para atender á veciñanza” sinalou Digna Lagaron.
Deste xeito, a concelleira nacionalista subliñou que “desde o BNG esiximos a reactivación plena dos nosos centros, basta das mentiras do Partido Popular tanto na Xunta como no goberno municipal sobre a situación na atención primaria” dixo Digna Lagarón.
Neste senso, o BNG defende que a mellor maneira de saír da crise sanitaria é reforzando o sistema público de saúde. Por conseguinte, o BNG propón un plan de choque cun investimento de 200 millóns de euros, a contratación de profesionais para os centros de saúde e aumentar o orzamento á atención primaria. A nivel local, o BNG recollerá sinaturas da veciñanza para dirixirse á Consellería de Sanidade esixindo a apertura e dotación de persoal nos centros de saúde da localidade.