ARROXO: "A XUNTA DEBERÍA SEGUIR OS PASOS XA INICIADOS POLO PP EN CASTELA E LEÓN, LIMITANDO A PROXIMIDADE DESDTAS PLANTAS COS NÚCLEOS DE POBOACIÓN"
O BNG defenderá no vindeiro Pleno que a Xunta lexisle para alonzar as plantas de biometano das vivendas
Rubén Arroxo anunciou unha iniciativa similar á que defenderá o BNG no Parlamento de Galiza para instar á Xunta a "lexislar o sector establecendo unha serie de parámetros que deban cumprir para garantir a convivencia entre a actividade e a calidade de vida"
Arroxo: "A Xunta debería seguir os pasos xa iniciados polo PP en Castela e León, limitando a proximidade desdtas plantas cos núcleos de poboación"
Lugo, 13 de maio de 2025. O Portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo anunciou que no vindeiro pleno municipal se debaterá unha iniciativa presentada polo BNG para instar á Xunta de Galiza a "aumentar o control ás plantas de biometano e garantir unha separación mínima de 3Km dos núcleos de poboación", afirmou. Arroxo destacou que esta iniciativa "vai na mesma liña que a que xa presentou o BNG no Parlamento de Galiza, reclamar á Xunta máis control ante esta actividade".
Actualmente, estanse proxectando plantas de gran tamaño, que requiren un aporte constante e moi elevado de residuos para o seu procesamento, polo que os residuos de preto non son suficientes e tráenos de moito mais lonxe. E, a maior tamaño existe un maior volume de residuos almacenados, mais operacións de descarga de residuos, maior volume a xestionar e tamén maiores riscos en caso de escape de emisións e risco de incendio.
A proposta do BNG buscará o consenso da Corporación Municipal para instar á Xunta a regular esta actividade con 6 obxectivos principais:
1. Establecer límites entre as plantas de biogás – biometano e núcleos de poboación e/ou vivendas habitadas, así como elementos patrimoniais ou bens naturais nun mínimo de 3.000 metros.
2. Establecer a distancia máxima entre a orixe dos materiais usados na dixestión, e a localización da planta en 20 quilómetros para residuos líquidos , e con carácter xeral a un máximo total de 50 quilómetros.
3. Limitar a capacidade das plantas de biogás -biometano e os seus procesos para evitar os danos ambientais e molestias á poboacións, a un volume máximo de 200.000 toneladas anuais.
4. Lexislar o sector establecendo unha serie de parámetros que deban cumprir as instalacións en canto aos materiais que entran como aos que saen.
5. Regular a xestión do dixestato xerado despois do proceso de biometanización.
6. Restrinxir a circulación de transporte pesado relacionado con estas instalacións, que non poderán transitar polos cascos urbanos e núcleos de poboación no rural.