REALIZOUSE UN REPARTO PARA ANIMAR Á CIDADANÍA LUCENSE A ASISTIR AO ACTO QUE TERÁ LUGAR ESTE VENRES 14 ÁS 19.30 HORAS NO C.C. UXÍO NOVONEYRA

O BNG iniciará o Ano Castelao cun faladoiro no que se conmemorará a súa figura como artista e político

Realizouse un reparto para animar á cidadanía lucense a asistir ao acto que terá lugar este venres 14 ás 19.30 horas no C.C. Uxío Novoneyra

Na tertulia titulada '75 anos, sempre presente' intervirán Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, e Manuel Rei Romeu, escritor e divulgador da figura de Castelao

O BNG iniciará o Ano Castelao cun faladoiro no que se conmemorará a súa figura como artista e político

 

Lugo, 12 de febreiro de 2025. O BNG de Lugo realizou un reparto para animar á cidadanía lucense á asistir á primeira das actividades que abrirán o Ano Castelao 2025 na cidade de Lugo, coincidindo co 75 aniversario do pasamento de Castelao. A programación comeza este venres día 14 ás 19.30 horas no C.C. Uxío Novoneyra co faladoiro '75 anos, sempre presente', no que se conmemorará a figura de Castelao como fito fundamental na historia da literatura galega e, ao tempo, como peza clave tamén na concreción e evolución do nacionalismo galego da primeira metade do século XX. No acto, intervirán Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e Manuel Rei Romeu, escritor e divulgador da figura de Castelao.

O BNG e a Fundación Galiza Sempre realizarán ao longo do 2025 diversos actos non só como unha celebración da súa memoria, senón tamén como unha oportunidade para coñecer máis sobre o seu pensamento político e a súa obra, que recolle as ideas chave sobre as que se articula a proposta doutrinal do nacionalismo galego. Ferreiro destacou que tamén nas institucións onde o BNG goberna cóntase con programación específica no ano Castelao, programación que comezou xa no Museo Provincial cunha exposición sobre "As cruces de pedra na Galiza".

"Todos os anos facemos unha lembranza simbólica na estatua de Castelao dun acontecemento importante na historia do noso páis", afirmou Maite Ferreiro, que destacou que "a estatua de Castelo está situada diante do hotel no que se celebrou a Asemblea Nacionalista na nosa cidade hai máis de 100 anos e que foi o punto de partida para o nacionalismo galego contemporáneo".

 

 I Asemblea Nacionalista

A I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918, contou coa presenza de autores destacados do nacionalismo galego, como Castelao, Ramón Cabanillas, os irmáns Vilar Ponte e o lucense Lois Peña Novo.

Na Asemblea de Lugo do 1918 asinouse o manifesto que serviu de base para os programas do nacionalismo galego. No mesmo defínese a Galiza como nación, e afírmase que "son chegados os tempos de erguer a alma e o pensamento de Galiza, e, sobre todo, a súa soberanía completa e sen cativeces".

O BNG iniciará o Ano Castelao cun faladoiro no que se conmemorará a súa figura como artista e político