MAITE FERREIRO: "O MIHL ACOLLERÁ UNHA NOVA SELECCIÓN DE ACTIVIDADES PARA AS NENAS E NENOS DESTINADAS A CREAR HÁBITOS DE LECTURA"
Maite Ferreiro presenta o novo ciclo de actividades de animación á lectura e contacontos

Maite Ferreiro: "O MIHL acollerá unha nova selección de actividades para as nenas e nenos destinadas a crear hábitos de lectura"
Desenvolveranse un total de seis actividades entre o 23 de abril e o 12 de xuño
Lugo, 13 de abril de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. "Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero", explicou Maite Ferreiro.
"Esta edición do ciclo contará de novo co MIHL como espazo principal, achegando así á veciñanza a un edificio cultural máis", explicou a edil de Cultura, que engadiu "para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es". As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.
O ciclo conta cun total de seis actividades, que comezarán o 23 de abril e rematará o 12 de xuño. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.
Actividades
Mércores, 23 de abril ás 18:00 horas no MIHL
TEATRO GHAZAFELHOS
"Contamos contos de lobos?"
Idades: a partir de 3 anos
Duración:50 minutos
Celebramos o Día do Libro con contos de lobos. Mon e Pe buscarán contos na biblioteca nos que o lobo é o protagonista e interpretaranos coa axuda dos nenos e nenas do público, fomentando a súa creatividade e expresión corporal e oral.
Xoves, 8 de maio ás 18:00 horas no MIHL
RAQUEL QUEIZÁS
"Cambio e conto"
Idades: de 1 a 4 anos
Duración: 35 minutos
Nano está moi feliz porque naceu a súa irmá máis pequena, Nona, e el vai coidar dela. Pero, ao chegar a noite, Nona non quere ir á cama. Nano ten entón unha misión, conseguir durmir a Nona sexa como sexa.
Xoves, 15 de maio ás 18:00 horas no MIHL
NAMI E O MAGO DA BOINA
"A maxia dos libros"
Idades: a partir de 7 anos
Duración: 55 minutos
Espectáculo no que Nami e O mago da Boina dan vida a diversos fragmentos dos libros de "Crónicas do Mago Errante", fusionando a maxia cos beneficios da lectura, nunha viaxe fascinante para toda a familia.
Xoves, 29 de maio ás 18:00 horas no MIHL
ANA MEILÁN
"Que pasaría se o mundo quedase sen bágoas?"
Idades: a partir de 3 anos
Duración: 45 minutos
Un día Simón, canso de que todo o mundo lle chame chorón, decide gardar as súas bagoas debaixo da cama. Os adultos comezan a consideralo así "un home feito e dereito", pero, se todos gardasemos as nosas bágoas, que sería dun mundo así?
Xoves, 5 de xuño ás 18:00 horas no MIHL
DANI BLANCO
"Circo na biblioteca"
Idades: a partir de 3 anos
Duración: 50 minutos
Pensaches algunha vez que non era posible ter circo nunha biblioteca ou nun museo?
A compañía de Dani Blanco, con 20 anos de experiencia, vaiche traer o mellor circo de malabares con pelotas, libros, música, equilibrios e números imposibles, para gozar do mellor circo do mundo
Xoves, 12 de xuño ás 18:00 horas no MIHL
XAROPE TULÚ
"Bichocas"
Idades: de 1 a 3 anos
Duración: 35 minutos
Espectáculo dirixido á primeira infancia onde os obxectos e a palabra nos fan viaxar a través do mundo animal. As protagonistas destas historias aprenderán nesta viaxe a importancia de seren diversas e a posibilidade de compartir coas demais os seus afectos.