ARROXO: "ACTUALIZAMOS UNHA ORDENANZA QUE CONTABA CON MÁIS DE 20 ANOS DE ANTIGÜIDADE PARA POÑELA AO DÍA E ABRIR A PORTA A ESTE SERVIZO"
Rubén Arroxo anuncia avances na implantación do servizo de transporte rural a demanda

A Xunta de Goberno de mañá aprobará a nova ordenanza do taxi, trámite previo á posta en marcha deste servizo
Arroxo: "Actualizamos unha ordenanza que contaba con máis de 20 anos de antigüidade para poñela ao día e abrir a porta a este servizo"
Lugo, 15 de abril de 2025. O Tenente Alcalde e edil de Mobilidade do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a Xunta de Goberno deste mércores iniciará o procedemento para actualizar a ordenanza do taxi de Lugo, un texto que permitirá "actualizar a ordenanza á normativa vixente, que contaba con máis de 20 anos de antigüidade, e avanzar na implantación do servizo de transporte a demanda para as zonas rurais do concello".
Segundo explicou Arroxo, "Lugo pode ser a segunda cidade do estado en contar cun sistema que permita á veciñanza das parroquias sen servizo de bus solicitar un taxi para achegarse ata a cidade a custo reducido". O Tenente Alcalde destacou que "poñeremos en marcha un servizo para que a veciñanza, baixo demanda, poida facer os seus desprazamentos, xa que o bus urbano non pode chegar ás 54 parroquias".
A nova ordenanza, que será publicada nas vindeiras semanas, permitirá aos taxistas presentarse á licitación deste servizo unha vez se inicie o procedemento. O texto actualizará a normativa de 2002 para adaptala á lexislación galega de 2018 e terá que ser aprobada inicialmente no pleno municipal, posteriormente pola Xunta de Galiza, e de novo polo Pleno de xeito definitivo.
Rubén Arroxo destacou que esta actualización se fixo "da man co sector do taxi, mantendo múltiples xuntanzas coa asociación de taxistas para avanzar nesta nova normativa". Arroxo lembrou que o taxi a demanda "é un servizo que non existe aínda en ningunha cidade do estado, só en Pontevedra está a traballar neste servizo".
O transporte rural a demanda requirirá da posta en marcha dunha plataforma de control que permita ao Concello coñecer a demanda do servizo e os percorridos realizados por cada vehículo. O servizo funcionará de xeito similar ao bus urbano, conectando todas as parroquias con rutas predefinidas e mantendo o prezo do billete do bus urbano, sempre que a veciñanza dos núcleos rurais o solicite con antelación.
Arroxo concluíu que "sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible".