ARROXO: "CONTRIBUÍMOS AO DESENVOLVEMENTO DUNHA CIDADE MÁIS INCLUSIVA, DINÁMICA E CONECTADA CO MUNDO"
Rubén Arroxo recibe na Casa Consistorial ao alumnado alemán que está a realizar un intercambio con varios IES da cidade de Lugo

Os alumnos e alumnas amosaron o seu interese por aprender o galego e coñecer máis sobre a cultura local
Arroxo: "Contribuímos ao desenvolvemento dunha cidade máis inclusiva, dinámica e conectada co mundo"
Lugo, 10 de abril de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e os concelleiros do goberno municipal Iria Buide e Alexandre Penas, recibiron na Casa Consistorial a parte do alumnado de orixe alemana que estes días está a realizar un intercambio co alumnado dos IES da cidade de Lugo: Nosa Sra dos Ollos Grandes e Sanxillao.
Durante a recepción, os edís deron a benvida ao grupo e aproveitaron a ocasión para falarlles sobre a rica historia da cidade de Lugo, destacando a súa Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade, e outros elementos emblemáticos do patrimonio local. Así mesmo, expuxeron a ampla oferta cultural que Lugo ofrece, desde as salas museísticas ata a programación para todas as idades ofertada nos auditorios Gustavo Freire e Fuxan os Ventos.
O alumnado procedente de Alemania e afincado na cidade tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións da Casa Consistorial, onde se lles explicou o funcionamento do goberno municipal e a importancia do traballo institucional no desenvolvemento da cidade.
Na visita, os alumnos e alumnas expresaron o seu interese por aprender o galego e coñecer máis sobre a cultura local, resaltando a súa vontade de integrarse activamente na comunidade lucense. Neste sentido, abordouse a posibilidade de abrir futuras vías de colaboración a través da Casa das Linguas para facilitar a formación en galego, reforzando así o compromiso do goberno coa promoción e integración da lingua.
Rubén Arroxo destacou a importancia de iniciativas coma esta para fortalecer os lazos entre culturas e promover o seu intercambio. "Recibir xente de países tan diversos é unha oportunidade para compartir experiencias, dar a coñecer o noso patrimonio e aprender tamén das súas culturas, contribuíndo ao desenvolvemento dunha cidade máis inclusiva, dinámica e conectada co mundo", destacou o Tenente Alcalde.