ARROXO: "SEGUIMOS A TRABALLAR EN PROXECTOS QUE TEÑAN UN IMPACTO POSITIVO, FACILITANDO A ACCESIBILIDADE E A CONVIVENCIA VECIÑAL"

Rubén Arroxo anuncia a adxudicación da peonalización da rúa Milagrosa, "que permitirá crear un camiño  peonil desde o barrio da Milagrosa ata a praza de Bretaña"


Arroxo deu conta dos acordos da Xunta de Goberno Local nas áreas da Tenencia de Alcaldía, que inclúen cuestións como a renovación dos elementos de protección individual do persoal do Mercado e Cemiterio e a contratación dos hortos escolares, ademais da adxudicación do contrato de mantemento de ascensores e portas automáticas do concello

Arroxo: "Seguimos a traballar en proxectos que teñan un impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal"

Rubén Arroxo anuncia a adxudicación da peonalización da rúa Milagrosa, "que permitirá crear un camiño  peonil desde o barrio da Milagrosa ata a praza de Bretaña"



Lugo, 09 de abril de 2025. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe na Xunta de Goberno Local por parte das áreas da Tenencia de Alcaldía. Arroxo explicou os 4 asuntos dependentes das concellerías de Participación, Infraestras e Educación, e anunciou que se vén de adxudicar a peonalización da rúa Milagorea, no treito comprendido entre as rúas Mallorca e Xulia Minguillón, un proxecto que, segundo explicou o Tenente Alcalde "permitirá completar un corredor peonil permitirá conectar a praza da Milagrosa coa praza de Bretaña, facilitando un percorrido seguro e accesible para a veciñanza". O proxecto foi adxudicado á empresa Urbaconsa e suporá un investimento de 409.005,80€.

Rubén Arroxo destacou que esta actuación ten como data prevista de inicio o mes de maio, despois das Letras Galegas, e conta cun prazo de execución previsto de nove meses. "Con esta obra seguimos avanzando na creación dunha cidade máis accesible e sostible", afirmou.

Nos últimos anos, a Área de Infraestruturas avanzou na transformación urbana da zona norte da cidade a través da peonalización de rúas clave como a rúa Divina Pastora, a praza de Agro do Rolo, a praza da Milagrosa e parte da rúa Milagrosa ata a rúa Curros Enríquez. A isto, sinala o Tenente Alcalde, engádense recentemente as peonalizacións das rúas Luis Seoane e Camiño Real, "creando unha rede de espazos peonís e fortalecendo o compromiso co modelo de mobilidade sostible".

O proxecto de humanización tamén inclúe importantes melloras nas infraestruturas de abastecemento de auga e drenaxe. A rede de abastecemento será renovada por completo, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por fundición dúctil, e instalando novas válvulas, bocas de rego e de incendio para garantir a seguridade e durabilidade da rede. Ademais, para a drenaxe superficial, colocarase unha liña de rígola en ambas marxes da calzada, que dirixirá a auga de escorrentía cara aos sumidoiros conectados á rede de saneamento e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), reducindo así o volume de auga que entra no sistema municipal.

Rubén Arroxo insistiu en que "a zona da Milagrosa é xa un punto de encontro e dinamización social e económica do barrio, algo que se verá incrementado con este novo proxecto que ampliará este impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal".

EPIs para o persoal municipal
Entre os acordos aprobados na Xunta de Goberno, Rubén Arroxo anunciou a apertura do procedemento de contratación para o subministro de equipos de protección individual (EPIs) destinados aos traballadores do cemiterio de San Froilán e do mercado municipal, uns elementos necesarios para garantir as condicións laborais óptimas para o persoal destes espazos.

Hortos escolares
Por outra banda, Rubén Arroxo anunciou o remate do procedemento de contratación do programa de hortos educativos dirixido ao alumnado e infantil das escolas públicas e infantís municipais da cidade. Este proxecto educativo, que leva desenvolvéndose con éxito nos últimos anos, inclúe sete sesións durante os meses de abril, maio e xuño. Nel, os nenos e nenas aprenden sobre o funcionamento dun horto ao mesmo tempo que coñecen as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera. O contrato foi adxudicado á empresa Savisu Solucións SL por un importe de 12.000€, incluíndo unha mellora que contempla 20 horas anuais dun monitor adicional para apoiar a nenos e nenas con diversidade funcional.

Mantemento ascensores e portas automáticas
Outro dos puntos tratados hoxe foi a contratación do servizo de mantemento integral dos ascensores e portas automáticas dos edificios municipais. O contrato, con duración dun ano prorrogable ata cinco, foi adxudicado á empresa TK Elevadores por un importe total de 26.181,30 € para o mantemento dos 44 ascensores ascensores e 13.334 € para as 14 portas automáticas das distintas instalacións municipais. O contrato inclúe tanto o mantemento preventivo (revisións da maquinaria) como o correctivo (solución de avarías e reparacións).

Mercado municipal
Por último, Rubén Arroxo anunciou a aprobación das autorizacións para a venda ambulante no Mercado da Frigsa durante o ano 2025, tras resolver as alegacións presentadas durante o procedemento.

 

Rubén Arroxo anuncia a adxudicación da peonalización da rúa Milagrosa, "que permitirá crear un camiño  peonil desde o barrio da Milagrosa ata a praza de Bretaña"