BUIDE AFIRMOU QUE O PREGO SAIRÁ A LICITACIÓN "EN CANTO OS SERVIZOS MUNICIPAIS ANALICEN AS CONDICIÓNS, GARANTINDO QUE O PROCESO SE POIDA DESENVOLVER SEN PROBLEMAS"
Iria Buide: "O prego municipal de comedores xa contén mellores condición que o novo decreto do estado"

A edil de Educación destacou o compromiso do Concello de Lugo por "dar nos centros de ensino a comida de mellor calidade"
Buide afirmou que o prego sairá a licitación "en canto os servizos municipais analicen as condicións, garantindo que o proceso se poida desenvolver sen problemas"
Lugo, 17 de abril de 2025. A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, afirmou que o prego de condicións técnicas que rexerá o novo contrato dos comedores escolares contén condicións "superiores ás lexisladas polo Goberno do estado e publicadas no BOE esta semana". Buide destacou o compromiso da concellería de Educación por "promover hábitos de vida saudables, cos comedores escolares dando comida de calidade e proximidade e con iniciativas como os Vieiros Escolares, que promoven a actividade física".
O novo decreto permite que os comedores utilicen aceite de xirasol, mentres que o prego municipal indica que só se pode utilizar aceite de oliva virxe extra. Ademais, o texto estatal di que se priorizará o uso de técnicas culinarias saudábeis ante as frituras, o prego municipal amplía esta limitación e só permite o uso de frituras en dúas ocasión ao mes. Por último, de cara á elaboración dos menús, o Concello obriga a que sexan feitos por un graduado en nutrición e dietética, mentres que o estado non especifica ningunha titulación.
Sobre a licitación do novo contrato, Buide afirmou que "nas vindeiras semanas enviarase á Xunta de Goberno a apertura do procedemento, unha vez os distintos servizos municipais implicados realicen todas as comprobacións previas ao inicio deste trámite".