MAITE FERREIRO LEMBROU “O BNG SEMPRE DEFENDEU QUE SE UTILIZARAN OS CARTOS DO PLAN ÚNICO PARA IMPLANTAR O ABASTECEMENTO NAS PARROQUIAS”
O BNG lamenta que se ignore ao rural e se gasten máis de 100.000 euros en dotar de auga un “pelotazo urbanístico”
O Concello destina 104.000€ en dotar de abastecemento de auga á nova urbanización de As Saamasas con cartos do Plan Único da Deputación
Lugo, 7 de agosto 2018. A edil do BNG, Maite Ferreiro, foi crítica coa decisión do goberno municipal socialista que destinará 104.000 a dotar de abastecemento de auga á nova urbanización Sector Norte I en As Saamasas “estanse destinando uns fondos que proveñen da Deputación e deberían ir destinados a melloras no rural en dotar de auga unha urbanización que non existe e que ten como único fin a especulación urbanística”.
Maite Ferreiro lembrou o BNG sempre defendeu que se utilizaran os cartos do Plan Único para implantar o abastecemento nas parroquias “os 500.000 € que o concello recibe anualmente do Plan Único da Deputación deben ser para iniciar a instalación do abastecemento no rural dun xeito progresivo e con plans plurianuais”. Ferreiro sinalou que “hai parroquias que están moi preto do depósito da auga, como O Veral e Sta. María Alta, e non dispoñen de abastecemento cando a necesidade para as persoas que alí viven é cada vez maior”.
A edil do BNG lamentou que se ignore ao rural e se gasten máis de 100.000 euros en dotar de auga un “pelotazo urbanístico” e explicou “ninguén ten garantido que se cheguen a construír vivendas nas Saamasas e o concello xa está gastando cartos públicos en beneficio de intereses privados, mentres no rural non se está a facer nada para que a auga e o saneamento chegue ata as vivendas”.
O Pleno Municipal aprobou, en abril de 2017, unha iniciativa para iniciar a instalación dunha rede de abastecemento no rural cos fondos procedentes do Plan Único da Deputación. Trataríase dun Plan Plurianual no que se irían destinando os fondos procedentes do organismo provincial a crear unha rede de abastecemento no rural. O Plan Único foi unha proposta do BNG na Deputación que garante que o concello de Lugo recibirá anualmente unha cantidade fixa de cartos e que será de 500.000 euros. O BNG-AA aposta por que estes fondos se destinen ao rural do concello e “entendemos que unha das débedas coas persoas que viven no rural é dar solución ao abastecemento e saneamento de augas”.