MONTSE VALCÁRCEL: "TANTO O SECTOR AGRÍCOLA COMO O GANDEIRO ESTÁN A SUFRIR IMPORTANTES PERDAS NAS SÚAS COLLEITAS POLAS INUNDACIÓNS SUFRIDAS POLA BORRASCA KIRK"
O BNG leva ao Parlamento galego unha batería de iniciativas para que dende a Xunta se impulse un plan de apoio económico ou compensación directa para paliar as perdas provocadas no sector agrogandeiro pola borrasca Kirk
Montse Valcárcel: "Tanto o sector agrícola como o gandeiro están a sufrir importantes perdas nas súas colleitas polas inundacións sufridas pola borrasca Kirk"
Castro de Rei, 14 de outubro de 2024.- A deputada Montse Valcárcel acompañada da concelleira en Castro de Rei, Olga Garcia, e militantes da localidade visitou unha explotación en S. Xiao de Mos afectada polo paso do temporal Kirk.
O millo é un dos alimentos básicos para a alimentación do gando, polo que a inundación dos campos que tivo lugar polo paso do temporal fixo que as explotacións gandeiras non puideran levar adiante a recollida deste cereal co que as leva a aumentar o gasto na compra de pensos e outras forraxes. Así mesmo estas inundacións tamén levan consigo que os terreos inundados non poidan voltar a sementar a herba o cal produce tamén a diminución de herba para o ensilado. E o terceiro problema que provoca este temporal é a xustificación que os gandeiros precisan facer pola rotación das terras de millo algo obrigatorio para obter os pagos da PAC, e que se non fan vánselle ver recortadas esas axudas.
Montse Valcárcel anunciou que "levaremos ao Parlamento galego unha batería de iniciativas para que se lles axude ao sector agrogandeiro a paliar os custes de non ter nin millo nin herba para o seu gando". Por iso "demandámoslle á Consellería de Medio Rural que faga unha valoración global das perdas provocadas e que cree unha mesa de traballo cos agricultores das zonas afectadas para analizar a situación e buscar solucións conxuntas a curto e medio prazo".
A deputada nacionalista continuou "Reclamamos tamén que a Xunta de Galiza se dirixa ás autoridades estatais e europeas para que se activen fondos de emerxencia que permitan paliar as perdas causadas pola situación meteorolóxica adversa".