UN AUTOBÚS MASIFICADO OBRIGOU O ESTUDANTADO A IR DE PÉ OU SENTADO NO CORREDOR DO VEHÍCULO O QUE CONSTITÚE UN ENORME PERIGO PARA O CONXUNTO DA PASAXE

O BNG levará ao Parlamento Galego as incidencias no transporte escolar en Láncara

Iago Bande Olalla Rodil
Iago Bande e Olalla Rodil

A Parlamentaria, Olalla Rodil, e o voceiro do BNG en Láncara, Iago Bande, lembraron que “o transporte público nos concellos do rural é fundamental para fixar poboación”

O BNG levará ao Parlamento Galego as incidencias no transporte escolar en Láncara

Láncara, 17 de outubro de 2018. O BNG levará ao Parlamento Galego sobre as incidencias rexistradas no transporte de escolares do Concello de Láncara despois da supresión da liña e o establecemento dunha liña compartida con pasaxe regular.  Olalla Rodil explicou que “a comezos do mes de outubro, alumnado do Concello de Láncara que cursan estudos na cidade de Lugo denunciou publicamente as condicións nas que ten lugar o servizo de transporte, viaxaban nun autobús masificado e obrigouse ao estudantado a ir de pé ou sentado no corredor do vehículo o que constitúe un enorme perigo para o conxunto da pasaxe”.

O BNG preguntará no Parlamento Galego como valora a Xunta de Galiza que estudantes de Láncara viaxen de pé ou sentados no corredor dun autobús por falta de espazo e tamén por que suprimiu o Goberno galego a liña das 14.35h cando viña prestando un importante servizo para o estudantado do Concello de Láncara que cursa estudos en Lugo. Os nacionalistas propoñen a restitución desta liña tendo en conta as condicións nas que se está a producir o transporte e as demandas da veciñanza e o Concello de Láncara.

Iago Bande informou que a veciñanza de Láncara ten solicitado á empresa concesionaria a Xunta de Galiza, unha parada dos autobuses no centro da Pobra e o BNG demandaralle ao Goberno Galego que esta parada es estableza. A razón de que se tivesen producido estas condicións son debidas á supresión, após a entrada en vigor do novo Plan de transporte da Xunta de Galiza, do autobús que prestaba o servizo Lugo-Pobra de San Xiao-Láncara-Baralla ás 14.35h e que viña usando, entre outras persoas, o alumnado lancarés que cursa estudos nos institutos da cidade de Lugo.

Desde a supresión da liña das 14.35h, o alumnado de Láncara ten que agardar durante unha hora despois de rematar as aulas (até as 15.30h) cando previamente o servizo coincidía co remate do horario lectivo. A veciñanza do Concello de Láncara, o grupo municipal do BNG na localidade e mesmo o propio Concello, veñen reclamando á Xunta de Galiza que sexa restituída a liña para atender as necesidades da poboación, especialmente a máis nova, así como que as paradas do autobús se produzan no centro da Pobra de San Xiao e non no apeadoiro da LU-536 pola perigosidade que carrexa para a veciñanza. A empresa concesionaria sempre rexeitou esta cuestión asegurando que retrasaría a combinación cos servizos ferroviarios porén, xa non hai tren ningún.

O BNG levará ao Parlamento Galego as incidencias no transporte escolar en Láncara