O BNG participa na mobilización da comunidade educativa do IES de Becerreá
Asistiu Carme Aira, deputada por Lugo no Parlamento galego, Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, Efrén Castro, deputado provincial e os concelleiros do BNG na comarca
Carme Aira “os recortes do instituto de Becerreá son a mostra do que está a facer no rural o PP á fronte da Xunta”
Becerreá, 03 de maio 2022.- O Bloque Nacionalista Galego participou na mobilización organizada pola comunidade educativa do IES de Becerreá para reclamar á Xunta de Galiza un ensino digno e de calidade nos Ancares.
Contou coa presenza de Carme Aira, deputada por Lugo no Parlamento galego, Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, Efrén Castro, deputado provincial e concelleiros e concelleiras do BNG na comarca.
Esta mobilización é unha acción máis dentro das concentracións que levan desenvoltas durante todo este curso escolar as nais e pais e o estudantado do IES de Becerreá, por mor dos recortes en materias optativas de bacharelato no centro.
Carme Aira reiterou o apoio do BNG á comunidade educativa “compartimos e apoiamos as reivindicacións das estudantes como das nais e pais do instituto de Becerreá ante esta situación discriminatoria, todas e todos temos dereito a unha educación de calidade sen prexuízo de onde vivas”
A deputada do BNG por Lugo destacou a depreciación e a falta de servizos públicos no rural “a veciñanza da Montaña de Lugo está a sufrir as políticas do despoboamento, os recortes do instituto de Becerreá son a mostra do que está a facer no rural o PP á fronte da Xunta”
O BNG trasladou esta situación ao Parlamento galego como a outras institucións defendendo a necesidade de consolidar servizos públicos de calidade e adaptados ao territorio, no que as persoas que vivan no rural poidan desenvolver unha vida plena e con igualdade de condicións.