NO ANO 2013 A O BNG IMPULSOU UNHA INICIATIVA PARA DEMANDAR DA XUNTA DE GALIZA INICIAR O PROCESO DE DECLARACIÓN DE MONTE FURADO COMO BEN DE INTERESE CULTURAL (BIC)

O BNG pedirá no Parlamento Galego a protección de Monte Furado

Olalla MonteFurado

Olalla Rodil afirmou “non se pode permitir esta pasividade ante a posible perda do que é un dos vestixios máis importantes da historia deste País”

O BNG pedirá no Parlamento Galego a protección de Monte Furado

Lugo, 15 de xaneiro 2018. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, presentará unha serie de cuestións na cámara galega para pedir explicacións por que a Xunta de Galiza non adoptou ningunha medida para evitar o progresivo deterioro do Túnel de Montefurado malia as sucesivas peticións por parte do Concello de Quiroga e colectivos sociais. Ademais, a vice-voceira do BNG preguntará polas razóns de que non se iniciara, dende a Dirección Xeral de Patrimonio, o expediente para a catalogación como BIC despois da solicitude do Concello de Quiroga no ano 2013.

Rodil sinalou que “non é de recibo a situación na que se atopa o Túnel de Montefurado cando se trata dun ben que aspira, como outros da contorna e a Ribeira Sacra no seu conxunto, a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”. Para o BNG “compre saber que medidas prevé adoptar, e en que prazo de tempo, a Xunta de Galiza para paliar e reverter o progresivo deterioro sufrido no Túnel de Montefurado”.

No ano 2013, a través dunha moción impulsada polo grupo municipal do BNG en Quiroga, o Pleno do Concello de Quiroga demandou á Xunta de Galiza iniciar o proceso para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) e mesmo estudar a posibilidade de que se incluíse na listaxe de bens Patrimonio da Humanidade da UNESCO. Dende aquel momento non se deron pasos para consolidar este elemento e nos últimos anos a situación na que se atopa empeorou como consecuencia do paso do tempo, dos efectos da erosión causada polo río Sil e a falta de actuacións da administración.

O pasado ano 2017, o grupo de Goberno do Concello de Quiroga, en mans do Partido Popular, volveu dirixirse ao Goberno galego para reclamar a adopción de medidas urxentes para paliar o grave deterioro do túnel.  No concreto, segundo o propio alcalde, reclamóuselle axuda á Dirección Xeral de Patrimonio o 20 de marzo e o 16 de maio de 2017 sen ter obtido resposta algunha por parte da Xunta.  Montefurado constitúe o maior resto monumental da minaría romana no noroeste da Península Ibérica, xunto coas Médulas. Foi construido no século II coa finalidade de desviar a auga do Sil e poder así extraer ouro da cunca. A súa estrutura orixinal era de 120 metros de longo. En 1934 tivo lugar o maior derrubamento até o de agora rexistrado na estrutura ficando reducida aos 52 metros actuais.

O BNG pedirá no Parlamento Galego a protección de Monte Furado