ARROXO LEMBROU QUE “A ALCALDESA ANUNCIOU QUE AO FINAL DO VERÁN ESTARÍAN AS PLAZAS AMPLIADAS E AÍNDA NON SE FIXO NADA”
O BNG preguntará pola ampliación das prazas do aparcadoiros soterrados
O concello acaba de autorizar a subida de prezos a través dun decreto da alcaldía e o prezo nunha hora de aparcamento incrementarase en 0,30 €
Lugo, 28 de novembro de 2018. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, preguntará na comisión correspondente en que situación se atopa a ampliación das prazas de aparcamento dos aparcadoiros soterrados. Arroxo lembrou que “a alcaldesa anunciou que ao final do verán estarían as plazas ampliadas e aínda non se fixo nada”. “Cando vai chegar o final de ano seguimos co mesmo problema a respecto das prazas de aparcamento nos aparcadoiros soterrados” afirmou o voceiro do BNG.
Rubén Arroxo sinalou que “no mes de febreiro de 2017 xa se anunciaran, dende o goberno municipal, negociacións coa empresa adxudicataria”. Segundo explicou Rubén Arroxo “tratábase de reordenar e redimensionar as 739 prazas dos tres aparcadoiros soterrados do centro da cidade para facelas máis accesibles e máis cómodas, e dende que se anunciou o pasado 17 de febreiro de 2017 non se volveu saber do asunto".
Despois de que o BNG-AA sacara á luz a necesidade de facer modificacións no tamaño das prazas de aparcamento, o goberno municipal informou que o Concello chegara a un acordo coa empresa que explota este servizo dende 1986 e que ten unha concesión por 18 anos máis. A reordenación, que garantiría o "equilibrio económico" da concesión a través dunha prorroga, plasmaríase nun convenio e para que as prazas se converteran tres en dúas pero ata o día de hoxe non se fixo nada.
Subida de prezos
Arroxo informou tamén que concello acaba de autorizar a subida de prezos a través dun decreto da alcaldía e o prezo nunha hora de aparcamento incrementarase en 0,30 €. As novas tarifas rexerán dende o 1 de xaneiro nos 3 aparcadoiros soterrados da cidade de Lugo. O prezo para os primeiros 92 minutos de estancia 0,0304428 €/ minutos o resto do día, a partir do minuto 93, o prezo será de 0.0202954 €/minuto.