OLALLA RODIL AFIRMOU “O ESTADO DE ABANDONO DUN LUGAR COMO SOUTOMERILLE, EN PLENO CAMIÑO PRIMITIVO E NO QUE SE ATOPAN DOUS BENS DE INTERESE CULTURAL É INADMISÍBE”

O BNG presenta unha iniciativa no Parlamento para recuperar o patrimonio de Soutomerille

soutomerille1
soutomerille1

Lugo, 10 de agosto de 2017. O grupo parlamentar do BNG, a través da súa viceportavoz e deputada pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, presenta unha proposición non de lei co fin de instar á Xunta de Galiza a realizar un plan orzamentado que interveña a igrexa de San Salvador de Soutomerille e toda a súa contorna, onde se atopa diferentes elementos algúns deles catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC) como son a Torre de Arriba e a Torre de Abaixo, e que seguen no esquecemento institucional “O estado de abandono dun lugar como Soutomerille, en pleno Camiño Primitivo e no que se atopan dous Bens de Interese Cultural (A Torre de Arriba e a Torre de Abaixo, cuxa catalogación como BIC data de 1994) é inadmisíbel”, afirmou Olalla Rodil. Por iso, engade, “reclamaremos á Xunta que desenvolva un plan de actuación con orzamento suficiente para recuperar e pór en valor este espazo no que se atopan tamén unha igrexa prerrománica, a de San Salvador, e castiñeiros tricentenarios” ao redor do

adro e nas proximidades do castro, a Croa de Soutomerille. Soutomerille é un lugar privilexiado, por onde pasa o Camiño Primitivo, cunha paisaxe cuberta por carballos e castiñeiros con centos de anos, e con un patrimonio importantísimo e único, como é o estilo visigótico da propia igrexa ou o que se considera o cemiterio máis pequeno de Galiza.

 

O BNG lembra que o Goberno bipartito prevía desenvolver un plan de recuperación e posta en valor deste lugar, mais coa chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza en 2009todo quedou paralizado e aínda que os valos continúan alí, anos despois, para sorpresa de quen visita Soutomerille”. As demandas que traslada o BNG ao Parlamento recollen as denuncias públicas desenvolvidas en múltiples ocasións desde a asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde que leva anos reclamando actuacións por parte do Goberno galego para recuperar os inmóbeis e a igrexa de Soutomerille.

 

Desde o BNG lembran que o Camiño Primitivo foi declarado Patrimonio da Humanidade e a propia Xunta promove a través de Turgalicia a visita a Soutomerille na etapa que transcorre polo Concello de Castroverde, “non se entende entón o abandono no que se atopa este lugar senón é polo desleixo do goberno”. Soutomerille acolle tamén un cemiterio considerado o máis pequeno de Galiza con apenas 9 nichos ocupados.

O BNG presenta unha iniciativa no Parlamento para recuperar o patrimonio de Soutomerille
O BNG presenta unha iniciativa no Parlamento para recuperar o patrimonio de Soutomerille