O BNG propón destinar 200 millóns de euros para reactivar a atención presencial na sanidade pública

Olalla Rodil
Olalla Rodil, arquivo

Olalla Rodil: “a situación actual da sanidade é froito de 11 anos de recortes do Partido Popular”

 

A deputada do BNG presentou en Lugo a proposta que a fronte defenderá no Parlamento e no resto de institucións nas que ten presencia

O BNG propón destinar 200 millóns de euros para reactivar a atención presencial na sanidade pública

Lugo, 04 de novembro de 2020.  A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, presentou en Lugo as propostas en materia de sanidade que a fronte defenderá nos vindeiros no Parlamento de Galiza e no resto de institucións nas que ten presenza. Rodil defendeu a labor das profesionais da sanidade e afirmou que “a situación actual non é culpa das traballadoras e traballadores, senón de 11 anos de recortes por parte do Partido Popular”. Segundo Olalla Rodil, esta situación “deixou á sanidade pública sen recursos e obrigou ás profesionais da atención primaria a aumentar o seu traballo, ao teren que realizar labores de seguimento de casos ou rastrexo”.

A parlamentaria do BNG defendeu que “precisamos dar a volta ás políticas aplicadas nos últimos 11 anos e defender a sanidade pública ante a falta de recursos que sofre actualmente”, ao que engadiu “recibir atención médica presencial a día de hoxe é unha misión imposíbel, estamos vendo como se crean xa listas de agarda para a atención telefónica e como se adían intervencións non urxentes para liberar os hospitais ante os repuntes da COVID”. “É o momento de garantir o dereito da veciñanza a unha sanidade pública e de calidade”, sentenciou Olalla Rodil.

 

O BNG propón garantir a atención primaria presencial a toda a poboación galega. “As persoas sen COVID seguen a sufrir patoloxías, e precisan de atención médica de calidade”, explicou Olalla Rodil. A proposta que o BNG defenderá inclúe destinar 200 millóns de euros de xeito inmediato para, segundo Rodil “blindar a atención primaria e garantir a que todas as persoas que o  precisen poidan asistir a unha consulta médica”. O BNG pedirá tamén protocolos claros para finalizar coas discriminacións e desigualdades que se veñen detectando na atención nos últimos meses. Olalla Rodil defendeu que “a atención recibida ten que ser segura e de calidade, non ten que depender de a que centro de saúde ou con que profesional se atope unha persoa”.

O BNG propón destinar 200 millóns de euros para reactivar a atención presencial na sanidade pública