O BNG propón diferentes actuacións para o Plan Único 2022
A contratación dun técnico de turismo, axudas á veciñanza afectada pola COVID-19 e un inventario de camiños son as propostas do BNG
A concelleira do BNG, Iria Castro “o goberno municipal está negándolle á veciñanza unha batería de medidas que son necesarias neste momento”
Castroverde, 27 de xaneiro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego en Castroverde levou unha batería de propostas ao pleno municipal, celebrado hoxe, para engadir dentro do programa da Deputación de Lugo, Plan Único 2022.
Por conseguinte, o BNG propón a contratación dun técnico de turismo, a aplicación medidas para paliar os efectos socioeconómicos da COVID-19 a través de axudas, tanto ás empresas locais de comercio e hostalaría como ás ganderías. E tamén, a realización dun inventario de camiños municipais.
O resultado do debate destas medidas impulsadas polo BNG foi o rexeitamento do goberno municipal.
A concelleira do BNG en Castroverde, Iria Castro, destacou que con esta decisión o goberno municipal está a paralizar e deixar atrás Castroverde “o goberno municipal está negándolle á veciñanza unha batería de medidas que son necesarias neste momento”
Iria Castro explicou as consecuencias desta decisión adoptada polo goberno municipal “Castroverde perdeu a oportunidade de contar cun técnico de turismo para destacar todas as nosas potencialidades paisaxísticas e patrimoniais xunto co Camiño Primitivo neste ano Xacobeo, garantindo un servizo turístico profesional e atractivo para moitas persoas visitantes”
A concelleira nacionalista destacou que neste programa provincial podíanse aplicar partidas para axudar aquelas persoas que tiveran, o teñen problemas económicos, relacionadas coa pandemia da COVID-19 “perdemos a oportunidade de ofertar axudas aquelas persoas que se están vendo afectadas pola pandemia, como por exemplo, con bonos para pagar a luz do seu comercio ou da súa explotación gandeira” declarou Iria Castro.
Iria Castro destacou que estas medidas non teñen un custe nas arcas municipais “as actuacións son plenamente a cargo da Deputación, a decisión é do goberno municipal de onde investir eses cartos, por isto, desde o BNG defendemos que as medidas que impulsamos teñen suficiente peso para pór a funcionar e acadar máis servizos e vantaxes á veciñanza”