HAI UNHA PLANTA DE COMPOSTAXE ADXUDICADA A URBASER QUE NUNCA SE CONSTRUÍU NIN SE PUXO EN MARCHA

O BNG proporá no Pleno un cambio de modelo na xestión de residuos e iniciar un Plan de Compostaxe

IMG_6754b

Rubén Arroxo sinalou “SOGAMA non está cumprindo cos obxectivos a respecto da reciclaxe e en Lugo non se fai nada para avanzar neste aspecto”

O BNG proporá no Pleno un cambio de modelo na xestión de residuos e iniciar un Plan de Compostaxe

Lugo, 17 de decembro de 2018. O BNG presentará unha iniciativa para o Pleno da Corporación solicitando que se inicien as xestións necesarias para a posta en marcha dun Plan de xestión de residuos, baseado na reciclaxe, reutilización e recuperación, alternativo ao de SOGAMA, no que se contemple a compostaxe como un dos eixos prioritarios da xestión de residuos orgánicos. Rubén Arroxo sinalou “SOGAMA non está cumprindo cos obxectivos a respecto da reciclaxe e en Lugo non se fai nada para avanzar neste aspecto”. O BNG solicita, tamén, que se dea cumprimento ao  acordo plenario de xuño de 2016 no que se propoñía a municipalización dos servizos de limpeza, recollida de residuos e transporte. Arroxo lembrou que o contrato coa empresa URBASER leva anos caducado “e o concello de Lugo está pagándolle millóns de euros a esta empresa dun xeito moi cuestionable”.

O concello de Lugo está enviando, dende fai anos, os residuos á planta de SOGAMA. Neste momento o sistema de SOGAMA  está cuestionado e non acada os obxectivos mínimos en canto ás porcentaxes de reciclaxe que tiña marcadas. O obxectivo marcado pola Lei de Residuos da Xunta estaba cifrado en acadar, no ano 2020, o 50% de reciclaxe dos residuos que se reciben na planta de SOGAMA, na actualidade estase a reciclar un 11% dos residuos que chegan á planta de Cerceda, mentres que a media estatal é do 30%.

Arroxo sinalou que “existen suficientes modelos alternativos para a compostaxe e xestión de residuos que se poderían aplicar no concello de Lugo tanto no entorno urbano como no rural”. O BNG aposta por un Plan de xestión de residuos, baseado na reciclaxe, reutilización e recuperación, alternativo ao de SOGAMA que debería implantarse de xeito progresivo, iniciando proxectos pilotos en barrios e parroquias para despois extendelo ao resto do concello de Lugo.

Unha planta de compostaxe que nunca existiu

O concello de Lugo, no ano 2003, adxudicoulle á empresa URBASER a construción e explotación dunha planta de compostaxe no polígono do Ceao. O proxecto nunca se chegou a executar, pero a adxudicación está vixente. “Pasaron 15 anos dende esta adxudicación sin que se derá nin un solo paso para avanzar na compostaxe dos residuos deste concello” dixo Arroxo e sinalou “a compostaxe permitiría reducir moi considerablemente a cantidade de residuos a transportar e reduciría enormemente a factura que o concello lle ten que pagar á SOGAMA e que ronda os 80 € por tonelada xestionado”.

O BNG proporá no Pleno un cambio de modelo na xestión de residuos e iniciar un Plan de Compostaxe