RUBÉN ARROXO: "OS PRETO DE 20 MILLÓNS DE EUROS DA ESTRADA PODERÍAN ADICARSE A RECUPERAR UNHA ZONA HISTÓRICA QUE LEVA 15 ANOS ABANDONADA"
O BNG reclamará no vindeiro pleno que o investimento da Rolda Leste se adique a recuperar o barrio da Tinería
Rubén Arroxo: "Os preto de 20 millóns de euros da estrada poderían adicarse a recuperar unha zona histórica que leva 15 anos abandonada"
"Para que a Rolda Leste cumpra coa normativa actual de protección de espazos naturais, será preciso un cambio de trazado para esta estrada", afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 01 de xuño de 2024. O Portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG presentará unha proposición ao vindeiro pleno municipal para reclamar á Xunta de Galiza que adique ao barrio da Tinería os preto de 20 millóns de euros proxectados para a construcción da Rolda Leste. "Despois de que a Xunta recoñecese que ten que elaborar unha nova Avaliación de Impacto Ambiental, paralizando o intento da Xunta de levar este proxecto adiante coa oposición de gran parte das veciñas e veciños de Lugo, é hora de investir na recuperación dun dos barrios con máis potencial de Lugo como é a Tinería", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "o abandono da Tinería pode verse moi claramente nas excavacións arqueolóxicas da UI-7, un espazo actualmente valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade, unha zona que podería ser un centro de investigación e un polo de atracción de visitantes para a cidade".
O BNG presenta unha nova iniciativa no Pleno do Concello de Lugo a respecto da rolda leste. En febreiro do ano 2023, despois da publicación do proxecto en exposición pública, o Concello de Lugo aprobou, por iniciativa do BNG, instar á Xunta de Galiza a modificar o trazado para garantir a protección do Parque do Rato, e en marzo defendeuse unha proposición similar, reclamando a paralización do proxecto da Rolda Leste e adicar este investimento ao barrio da Tinería. "a Xunta de Galiza teñen unha oportunidade de saldar unha débeda coa cidade e coas veciñas e veciños de Lugo que o goberno do PP asumiu cando chegou ao poder no 2009", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "durante os últimos anos, desde o BNG impulsamos emendas aos orzamentos da Xunta reclamando que se retomara este proxecto", lembrou Rubén Arroxo, que engadiu "Lugo non pode agardar mais, o barrio da Tinería está chamado a ser unha das zonas máis importantes da cidade, mais vemos como despois continúa en ruínas". "Toda a veciñanza de Lugo pode ver como o barrio da Tinería leva igual desde o 2009, mentres que o BNG conseguiu un recoñecemento da ONU para o proxecto de renovación deste barrio, o PP déixanos un pazo que data de hai máis de 1.000 anos apuntalado", explicou Arroxo.
O portavoz do BNG afirmou que "o 90% dos investimentos executados no barrio da Tinería realizáronse nos anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno, foron máis de 20 millóns de euros investidos na recuperación deste barrio", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "os distintos gobernos do PP executaron en 18 anos menos do 10% do total".
Arroxo afirmou que "a recuperación da UI-8, na que se ubica o Pazo de Dona Urraca, estaba adxudicada a comezos de 2009", e engadiu "ao chegar o PP ao goberno galego, renunciaron á execución e tiveron que indemnizar á empresa adxudicataria das obras". Segundo Arroxo, "se o PP seguira investindo na recuperación da Tinería do mesmo xeito que fixo o BNG cando tivo responsabilidades no goberno galego, hoxe este barrio sería un modelo para Lugo".
Proxecto de rehabilitación da Tinería
O proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego foi recoñecido do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas no ano 2008. Valorouse o proxecto de recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, xunto coa rehabilitación e rehabitación dun barrio a carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.
As excavacións arqueolóxicas na Unidade de Intervención UI-7, onde se atoparon fornos, paralizáronse coa chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta. Actualmente, o espazo dos fornos está valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade, unha zona que podería ser un centro de investigación e un polo de atracción de visitantes para a cidade.