O BNG require á Xunta a que tome medidas para as persoas con discapacidade
Olalla Rodil púxose en contacto con persoas e familiares que sofren a falta de medidas que garantan o seu benestar
O bloque pide que se continúe cos tratamentos terapéuticos e os coidados especializados
Lugo, 6 de xuño de 2020.- A deputada e candidata, Olalla Rodil, púxose en contacto con diferentes persoas e familiares afectadas polo peche dos centros de educación especial e os centros de día por mor da crise orixinada pola COVID-19.
Nestas tomas de contacto, púxose de manifesto a falta de medidas do goberno galego para ofrecer alternativas e proporcionar benestar. As axudas económicas que propón a Xunta son insuficientes, xa que en moitos casos, non garanten a posibilidade de acceder aos profesionais que precisan.
O BNG pídelle á Xunta tomar medidas que permitan a continuidade dos tratamentos terapéuticos e dos coidados especializados para as persoas con discapacidade que se viron afectadas polo peche dos centros de educación especial e os centros de día.
Olalla Rodil declarou “As familias trasladaron ao BNG que hai rapaces que andaban que despois destes tres meses de confinamento xa non o fan e mesmo persoas que non conseguen sentar na cadeira de rodas porque se lles contraeron os músculos. Non falamos de comodidade senón de dereitos humanos” ao que recalcou “non se pode prolongar no tempo até o mes de setembro ou outubro, como afirma o PP desde a Xunta de Galiza”
“É indignante que o Goberno galego non sexa consciente do imprescindíbeis que son as rutinas ou o contacto social que reciben estas persoas nos seus centros e que non se poden substituír por un cheque nin por aulas telemáticas. Non falamos só de conciliación senón de tratamentos e terapias fundamentais para garantir unhas condicións de vida dignas” subliñou Olalla Rodil