O BNG salienta o potencial de Castroverde durante a XXVIII Feira de Artesanía

Montse Valcárcel " Os oficios tradicionais deben contar con políticas de impulso e apoio para ser un motor de desenvolvemento económico das zonas nas que se desenvolven"
O BNG salienta o potencial de Castroverde durante a XXVIII Feira de Artesanía

Castroverde, 17 de agosto de 2025. – A deputada do Parlamento galego polo BNG, Montse Valcárcel, acompañada pola concelleira nacionalista en Castroverde, Iria Castro, participou este fin de semana na XXVIII Feira de Artesanía de Castroverde, un evento xa consolidado como unha das citas máis relevantes da comarca para a posta en valor da cultura popular e os oficios tradicionais. Tamén acudiron militantes e simpatizantes da formación, que quixeron mostrar o seu apoio a unha iniciativa que dinamiza a economía local e promove a identidade do territorio.

O encontro contou con preto de 50 expositores procedentes da comarca e doutras zonas de Galicia, que ofreceron pezas únicas elaboradas con técnicas tradicionais. Ademais, houbo demostracións en directo de obradoiros de artesanía e actuacións de grupos de música tradicional, que puxeron a nota musical e festiva á xornada.

Montse Valcárcel amosou a súa satisfacción por poder participar e apoiar unha feira que "pon en valor as tradicións desta zona de Lugo" e subliñou que "Castroverde ten un potencial inmenso e débese impulsar para que sexa un referente desta comarca".

A deputada nacionalista incidiu na necesidade de desenvolver políticas activas de apoio á artesanía, lembrando que estes oficios non só forman parte do noso patrimonio cultural, senón que tamén poden actuar como motor económico para o rural. "Os oficios tradicionais deben contar con políticas de impulso e apoio para ser un motor de desenvolvemento económico das zonas nas que se desenvolven", sinalou.

Valcárcel reclamou á Xunta de Galicia que se habiliten axudas específicas, programas de formación e campañas de promoción para garantir que todas as persoas que desexen continuar coas técnicas e saberes herdados poidan facelo sen obstáculos. "É preciso impulsar cursos e promoción para que estas sabedorías non se perdan, pois forman parte da nosa identidade colectiva", engadiu.

Para rematar, a deputada quixo agradecer expresamente o traballo das e dos artesáns presentes: "Son quen lle dan sentido a esta feira, amosando todo o potencial que temos no noso País. Grazas a eles, hoxe Castroverde é escaparate do talento, a creatividade e a tradición galega".

O BNG salienta o potencial de Castroverde durante a XXVIII Feira de Artesanía