O BNG solicita máis seguridade viaria no Camiño de Santiago
A deputada Olalla Rodil comprobou de primeira man un punto crítico no concello de Palas de Rei, en concreto un paso da ruta Xacobea na N-547
O BNG propón un estudo no que se identifiquen os puntos perigosos para a seguridade viaria nas distintas rutas Xacobeas
Lugo, 24 de marzo de 2022.-O Bloque Nacionalista Galego propón mellorar a seguridade viaria no Camiño de Santiago.
Solicita o impulso dun estudo no que se identifiquen os puntos perigosos para a seguridade viaria nas distintas rutas xacobeas, como tamén, unha mesa de traballo en conxunto coa FEGAMP e o Goberno do Estado co obxectivo de adoptar as medidas que sexan necesarias para garantir a máxima seguridade e o mínimo risco naqueles tramos do Camiño.
A deputada no Parlamento galego, Olalla Rodil, visitou o concello de Palas de Rei para comprobar de primeira man un tramo conflitivo. En concreto, o quilómetro 36 da N-547.
Olalla Rodil declarou “É importante que todas as administracións traballen de maneira conxunta para mellorar a seguridade nas distintas rutas Xacobeas, eliminando puntos críticos como o quilómetro 36 da N-547 no concello de Palas de Rei”, en referencia a aqueles tramos nos que o Camiño conflúe coa estrada abrigando ás persoas que peregrinan a cruzar.
A deputada Olalla Rodil explicou a iniciativa do BNG “por iso pedimos que de maneira inmediata se desenvolva un estudo para detectar todos os puntos de risco que existan nos distintos tramos do Camiño de Santiago, a comezar polo Camiño Francés que é o de maior afluencia”
Neste sentido, Olalla Rodil engadiu “e que se constitúa unha mesa de traballo con representación da Xunta, o Goberno español e a FEGAMP para acometer as actuacións necesarias que garantan a máxima seguridade tanto para ás persoas que peregrinan a Compostela como ás que circulan pola estrada”.