O BNG sumouse ao acto pola recuperación de Caldaloba apoiado por 19 entidades culturais da Terra Chá
Lugo, 22 de maio de 2021.- A deputada parlamanteria, Olalla Rodil, a deputada provincial e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e concelleiros e concelleiras do BNG nas comarcas de Lugo e a Terra Chá sumáronse a un acto celebrado ao esta mañá pé da Torre de Caldaloba, en Pino, en Cospeito, para demandar a recuperación da fortaleza, testemuño da resistencia da nobreza galega fronte aos Reis Católicos no final da Idade Media.
Coa presenza no evento, as representantes do BNG reiteraron o posicionamento da formación nacionalista en relación con este ben patrimonial, que piden a implicación da Xunta de Galiza na recuperación da fortaleza, cunha actuación inmediata que consolide a súa estructura e un proxecto de rehabilitación e posta en valor do edificio e da contorna.
O BNG presentou iniciativas neste sentido no Concello de Cospeito e na Deputación de Lugo, ademáis de rexistrar unha prosición no Parlamento Galego. Ademais, o pasado mes de abril, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, ofreceu a colaboración da institución para que a Torre de Caldaloba e os terreos da contorna sexan propiedade das galegas e dos galegos.
O BNG tomou así a iniciativa para impulsar un acordo entre as tres administracións – Deputación, Concello de Cospeito e Xunta de Galiza- e incorporar ao patrimonio público este ben, declarado de Interese Cultural en 1994.
O evento, convocado por dezanove entidades culturais da Terra Chá e concellos limítrofes, entre elas, a Fundación Manuel María, Xermolos, Xotramu, IESCHA, Madia Leva, Nova Poesía Guitirica ou AC Poeta Avelino Díaz, contou coas intervencións do divulgador cultural Orlando Viveiro e do profesor da Universidade de Uvieu e estudoso da Caldaloba, Antón Meilán, que incidiron no valor histórico, patrimonial e simbólico da fortaleza, escenario da resistencia de Constanza de Castro, filla do Mariscal Pardo de Cela, e do seu marido Fernán Ares de Saavedra, ao asedio do poder castelán en 1484.