O bus urbano será gratuíto durante o Día Europeo sen Coches
Rubén Arroxo animou á veciñanza “a deixar o coche na casa e usar o transporte público para facer de Lugo unha cidade máis ecolóxica”
“En poucos meses contaremos cun novo espazo peonil na contorna da Mosqueira”, lembrou Rubén Arroxo
Lugo, 21 de setembro de 2021. O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que o bus urbano será gratuíto mañá, 22 de setembro, debido á celebración do Día Europeo sen Coches. Rubén Arroxo animou ás veciñas e veciños de Lugo a “animarse a deixar o coche na casa e usar as novas liñas de transporte urbano, que melloran as conexións con todos os barrios da cidade”.
“Deixando o coche na casa e apostando polo transporte público, a bicicleta ou facendo os desprazamentos a pé colaboramos para facer de Lugo unha cidade máis limpa e ecolóxica”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “en poucos meses contaremos cunha Mosqueira peonil gañando espazos para as persoas e dando máis importancia á Muralla e á súa humanización”.
Co novo modelo de transporte público, 80.000 veciñas e veciños de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que os 40.000 do modelo anterior. O CEAO aumenta as conexións coa veciñanza do mesmo xeito, pasando de 40.000 persoas que tiñan bus para a zona industrial co antigo modelo a 70.000 co actual. Mellóranse tamén as conexións do eixo norte-sur, con maior frecuencia de buses e as conexións dos distintos barrios co centro e co HULA.
Día Europeo sen Coches
A celebración do Día sen Coches remóntase ao ano 1994, coas cidades de Reikiavik en Islandia, La Rochelle en Francia e Bath no Reino Unido exercendo como pioneiras desta iniciativa. No ano 1997, Gran Bretaña celebrou a nivel estatal o Día Sen Coches, sendo o primeiro estado en impulsar a celebración desta data. A Comisión Europea declarou no ano 2000 o Día Europeo sen Coches, como data de remate da Semana Europea da Mobilidade, que ten como obxectivo concienciar á poboación do uso do transporte público e dos medios de transporte alternativos, reducindo a dependencia do vehículo privado.