A concellería de Educación comeza a preparación dos hortos escolares

Felipe Rivas: "as actividades pretenden amosar as labores propias dos hortos e sumar coñecementos da cultura tradicional galega"

Nestes días estanse a realizar os traballos previos de acondicionamento nos distintos centros de ensino

A concellería de Educación comeza a preparación dos hortos escolares

Lugo, 08 de febreiro de 2022.  O concelleiro de Educación, Felipe Rivas, informou dos avances realizados na organización de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil. Os traballos que se están a executar estes días consisten no acondicionamento, fresando e abonando os espazos que se utilizarán para o desenvolvemento da actividade en todos os centros participantes.

Felipe Rivas explicou que “as actividades utilizarán o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental”. Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera.

Os centros contarán con 7 sesións de 50 minutos, que se realizarán entre os meses de febreiro e maio. As sesións combinarán actividades no horto e nas aulas, combinando distintas metodoloxías pedagóxicas para acadar os distintos obxectivos do proxecto, como poden ser ampliar o coñecemento das nenas e nenos sobre os diferentes cultivos, así como o aproveitamento dos mesmos, fomentar comportamentos responsables e comprometidos no coidado da natureza ou comprender e interiorizar os procesos de sementar e plantar, así como o desenvolvemento posterior das plantas e os coidados necesarios para o seu desenvolvemento óptimo. As actividades rematarán coa colleita dos cultivos, compartindo o recollido polo grupo, para logo poder consumilo cada un, na súa casa.

Ao mesmo tempo, achegarase aos participantes a coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, e permitiráselles coñecer celebracións tradicionais relacionadas coa natureza, como os maios

As nenas e nenos participantes poderán desenvolver a súa  capacidade de observación e investigación no contorno, e coñecerán e usarán novas ferramentas diferentes ás de uso cotián.

As actividades potenciarán a iniciativa na realización e participación nas actividades e fomentarán o traballo en grupo.

 

A concellería de Educación comeza a preparación dos hortos escolares