A concellería de Infraestruturas renova o alumeado público en varias rúas do barrio de Fingoi
Alexandre Penas: “veñen de instalarse as novas luminarias das rúas Padre Sarmiento, Roseira e Aviación Española, que entrarán en funcionamento nos vindeiros días”
A concellería de Infraestruturas investiu 87.505,60€ na renovación do alumeado e na mellora da accesibilidade da zona
Lugo, 23 de novembro de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou da renovación do alumeado público en varias rúas do barrio de Fingoi. Alexandre Penas afirmou que “retomamos unha actuación que quedara incompleta hai dez anos, e que é moi necesaria na zona para mellorar tanto a seguridade como a accesibilidade nas rúas Aviación Española, Padre Sarmiento e Roseira”.
“O novo sistema ten unha maior capacidade de iluminación, polo que reducimos a instalación a só unha beirarrúa, permitindo unha maior accesibilidade na zona”, indicou Alexandre Penas, que engadiu “veñen de instalarse as novas luminarias e nos vindeiros días procederase á desconexión e retirada do equipamento antigo e á posta en marcha do novo”.
A concellería de infraestruturas investiu en total 87.505,60€ que inclúe a renovación do equipamento eléctrico, a obra civil e os traballos de xardinería. Alexandre Penas explicou que “con isto poderemos retirar as luminarias antigas, que utilizaban vapor de mercurio, un material altamente contaminante, e suporá un aforro de máis de 120 W por luminaria, facendo un total de 3.956 W de aforro no total da instalación”. Segundo Alexandre Penas, “isto suporá un consumo de 16.500 kWh de enerxía menos que actualmente, o que ademais de reducir a inversión do concello en electricidade, permitiranos avanzar de cada a unha cidade menos contaminante ao deixar de emitirse 3.8 toneladas de CO2 ao ano con respecto ao consumo anterior”.