A Concellería de Infraestruturas Urbanas informa do inicio das actuacións do novo Plan de Tráfico da Milagrosa
“No día de hoxe procedeuse ao traslado dos semáforos, e nos vindeiros días realizarase o pintado das rúas”, informou Alexandre Penas
O edil de Infraestruturas destacou que “a veciñanza da zona desfrutará dunha reordenación do tráfico que axilizará a fluidez de vehículos e mellorará a circulación”
Lugo, 17 de xuño de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou á veciñanza do barrio da Milagrosa do inicio dos traballos de adaptación do novo Plan de Tráfico. “Segundo o plan de traballo, hoxe procederase ao traslado dos semáforos ás novas ubicacións e nos vindeiros días realizarase o pintado da nova sinalización horizontal e a actualización da vertical”, declarou Alexandre Penas.
O edil de Infraestruturas Urbanas pediu á veciñanza “que circulen con precaución e seguindo as indicacións da sinalización de obra para garantir a seguridade da veciñanza e das traballadoras e traballadores”. Desde a concellería de Infraestruturas xunto coa empresa encargada dos traballos, tratarase de realizar a actuación entorpecendo o mínimo posíbel a circulación e reducindo ao máximo o tempo empregado na realización dos traballos para evitar molestias á veciñanza.
Alexandre Penas, declarou que “as veciñas e veciños do barrio da Milagrosa desfrutarán dunha reordenación do tráfico que axilizará a fluidez de vehículos e mellorará a circulación da zona”. No proxecto que se está a levar a cabo contémplase o cambio de sentido de varias rúas. “Crearase unha supermazá que una a avenida da Coruña e Yañez Rebolo, permitindo o xiro en sentido horario”, informou Alexandre Penas, que engadiu “ademais permitirase o acceso á praza Agro do Rolo desde a Avenida da Coruña, que actualmente só estaba habilitado de maneira provisional para autobuses”.