O concello agarda que a Xunta de Galiza autorice o acondicionamento da vía de Castelo de Arriba ao HULA
Alexandre Penas: “Ao coincidir un tramo desta vía co Camiño Primitivo debemos obter autorización da dirección xeral de Patrimonio”
A vía é utilizada habitualmente por moitas persoas para chegar ao HULA
Lugo, 28 de xaneiro de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que o concello remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio o proxecto para acondicionar a vía de Castelo de Arriba, na parroquia de Castelo. “Ao coincidir un tramo desta vía co percorrido do Camiño Primitivo, debemos obter a autorización de Patrimonio para poder intervir nesta rúa”, indicou Alexandre Penas.
“Esta rúa é usada a diario por moitas persoas para chegar ao HULA, ademais de polas veciñas e veciños da zona”, indicou Alexandre Penas, que engadiu “unha vez Patrimonio autorice a actuación comezaremos o proceso de adxudicación”.
Alexandre Penas sinalou “estamos actuando en zonas nas que foi moitos anos que non se fan intervencións para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, que agradecen moito que dende o concello se lles teña en conta”.