O Concello e a USC recuperan documentación inédita do Cemiterio Municipal
Rubén Arroxo e o Decano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Francisco Fernández, e Cristina López, asinaron esta mañá o convenio de colaboración
Cristina López: “esta acción permitirá recuperar documentación xerada entre os anos 40 e 80 do século pasado, coincidente coa posta en marcha do Cemiterio Municipal de San Froilán”
Estudantes de Humanidades realizarán prácticas de tratamento arquivístico, realizando a limpeza, clasificación, ordenación e dixitalización da documentación
Lugo, 10 de marzo de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López recibiron esta mañá ao Decano da Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, con quen o Goberno de Lugo asinou un convenio de colaboración para recuperar documentación inédita do Cemiterio Municipal. A concelleira responsábel do Cemiterio, Cristina López, explicou que “esta colaboración permitiranos recuperar e poñer en valor nova documentación antiga, atopada recentemente nas instalacións do Cemiterio Municipal, mentres que as e os estudantes de Humanidades terán unha grande oportunidade para realizar prácticas de tratamento arquivístico con documentación real”, explicou Cristina López.
A documentación procede dunha serie de caixas atopadas na sacristía da Capela do Cemiterio, e na revisión preliminar da mesma atopáronse licenzas ou autorizacións de enterramentos, traslados de restos e permisos de obras. “As e os estudantes da USC poderán realizar todo o proceso de tratamento arquivístico desta documentación, pasando pola limpeza e a clasificación, ata a catalogación e dixitalización da mesma”, declarou a concelleira de Participación.
Con esta acción o Goberno de Lugo recuperará documentación xerada entre os anos 40 e 80 do século pasado. Cristina López destacou a importancia desta colaboración, “dado que son documentos únicos que polas datas coinciden coa posta en marcha do actual Cemiterio Municipal de San Froilán”. A concelleira de Participación agradeceu ao Decano de Humanidades da USC “a boa disposición para levar adiante este proxecto”.