Continúan os concertos na Mosqueira dentro do Muralleando 2022
Maite Ferreiro: "o Muralleando naceu como unha maneira de apoiar ao tecido cultural local durante o confinamento, e xa é unha cita consolidada no calendario cultural do verán”
Esta fin de semana será o turno dos grupos Caivanca (venres 24) e Galician Army (sábado 25)
Lugo, 23 de xuño de 2022. A praza da Mosqueira continúa a acoller a terceira edición ciclo de concertos Muralleando, que achega á veciñanza a música das distintas agrupacións de Lugo. En total, 23 agrupacións mostrarán a súa música con concertos gratuítos que teñen lugar os venres e sábados a partir das 20:30. Esta semana será o turno de Caivanca e Galician Army.
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, lembrou que "os concertos do Muralleando apareceron xusto despois do confinamento, no ano 2020, co obxectivo de animar con música os distintos paseos das veciñas e veciños ao redor da Ronda da Muralla e ao mesmo tempo colaborando co tecido cultural local, que vira anulados moitos eventos".
A edil de Cultura afirmou que “dous anos despois, o Muralleando xa está consolidado como unha das actividades culturais máis importantes para os meses de verán, mantendo o espírito de ser o punto de encontro das agrupacións locais, e demostrando a versatilidade da nova Praza da Mosqueira, un espazo que está destinado a ser importante na programación cultural, e que despois do Muralleando acollerá un dos escenarios do San Froilán”.