Cristina López entregou o calendario do 2020 na Praza e no Mercado Municipal
Cristina López: “estamos a traballar en programar actividades que contribúan a dinamizar a Praza e o Mercado”
O calendario está composto de imaxes custodiadas no arquivo municipal
Lugo, 10 de xaneiro de 2020. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, xunto co concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas visitaron durante o día de hoxe a Praza de Abastos e o Mercado Municipal, onde fixeron entrega ás persoas usuarias e vendedoras do calendario Actúa Xa Obxectivo 20/20/20 que foi editado pola área de Participación. “Co gallo da declaración de emerxencia climática feita polo Parlamento Europeo, e da aprobación da directiva Obxectivo 20/20/20, dende a área de Participación fixemos este calendario, centrándonos nos espazos verdes da cidade ao longo do tempo, custodiados no arquivo municipal”, indicou Cristina López.
As fotografías pertencen á colección Delgado Guisasola, custodiada no Arquivo Municipal, xunto con dúas instantáneas de José Luís Vega, pertencentes ao Fondo Vega, almacenado no Arquivo Histórico de Lugo, xunto con fotografías de Salvador Castro Freire, que proceden dos negativos en cristal que facía no laboratorio da farmacia da que era dono.
Cristina López animou á veciñanza a recoller unha copia do calendario nas oficinas da área de Participación. A edil nacionalista indicou que “estamos a traballar en programar actividades que contribúan a dinamizar a Praza e o Mercado municipal, e achegalo así á veciñanza”.