Cultura organiza unha nova edición dos concursos de escaparates e disfraces do Samaín
Maite Ferreiro: “repetimos estas dúas accións que tiveron unha grande popularidade entre a veciñanza e o comercio local o ano pasado”
O concurso de escaparates repartirá en total 2.400€ entre os 8 locais gañadores
Lugo, 29 de outubro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro lembrou que continúa aberto o prazo para participar nos concursos de disfraces e escaparates que se organizan dentro das actividades do Samaín. “Este ano decidimos repetir unha iniciativa que o ano pasado contou cunha gran popularidade entre as veciñas e veciños”, declarou Maite Ferreiro.
Os establecementos participantes no concurso de escaparates teñen que decorar os seus escaparates coa temática do Samaín. O xurado designado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua valorará a composición estética, orixinalidade e adecuación á temática. En total, repartiranse 3 premios principais de 500, 450 e 400 euros, e tres accésits valorados en 300, 250 e 200 euros, xunto con outros dous recoñecementos de 150 euros.
Os concursos de disfraces están abertos á participación de toda a veciñanza a través das redes sociais. Quen desexe participar ten que publicar unha foto do seu disfraz de samaín co texto Concurso disfraces terroríficos #samainterrorifico en #Lugo e mencionar ás redes sociais da área de Cultura. En total escolleranse como gañadoras ás tres publicacións con máis “gústame” de cada rede social, que recibirán distintos agasallos