A exposición O Vello Cárcere: da guerra á posguerra amplíase coa documentación recibida nas últimas semanas
Maite Ferreiro: "continuamos a avanzar na lembranza das persoas que foron represaliadas durante a ditadura"
A documentación foi aportada polas familias dentro do programa A TÚA MEMORÍA
Lugo, 19 de febreiro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto co Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, visitaron o Vello Cárcere, onde se vén de ampliar a exposición permanente, O Vello Cárcere: da guerra á posguerra coa documentación achegada por distintas familias. Maite Ferreiro agradeceu a todas as persoas que aportaron os documentos, e destacou que estas aportacións serviron para “continuar a avanzar na lembranza de todas as persoas que foron represaliadas durante o franquismo, un dos obxectivos máis importantes do Vello Cárcere".
A documentación foi entregada polas familias no Vello Cárcere a finais de 2021, dentro do programa A TÚA MEMORÍA, co que a área de Cultura prentende converter ao Vello Cárcere nun centro aberto e de doazón para todas as familias que desexen depositar documentación que posuan dos seus familiares.
A documentación aportada pasou a formar parte dos fondos do Vello Cárcere, e a información presente nela incorporouse á exposición permanente O Vello Cárcere: da guerra á posguerra, seguindo en todo momento os desexos das familias. "Esta exposición é ao mesmo tempo unha homenaxe a todas as persoas que estiveron presas no cárcere durante a ditadura e un traballo de memoria colectiva, para que os crimes da guerra e da ditadura non caian no esquecemento", afirmou Maite Ferreiro.
A exposición O Vello Cárcere: da guerra á posguerra xira entorno a este período histórico e político, cando esta instalación pasou a albergar a presas e presos políticos. A mostra comeza na cela colectiva, e continúa por todas as celas da pranta baixa, as antigas celas de homes. Familiares das persoas represaliadas colocaron, xunto a concelleira Maite Ferreiro, un ramo de flores no día próximo a defuntos adicado a todas as persoas que alí sufriron.